Depoemprende na Eso

depoEMPRENDE na Eso

É un proxecto educativo dirixido a mozas e mozos de 14 a 16 anos do 3.º e 4.º curso da ESO que estudan a materia Iniciativa Emprendedora.

O proxecto concíbese como un ámbito onde exercitar e fomentar a autonomía e iniciativa persoal, a competencia para aprender a aprender, o tratamento da información e a competencia dixital e as competencias lingüística e matemática, á vez que se desenvolven competencias sociais e cidadás en situacións de negociación e resolución de problemas. Isto é importante porque estas competencias son necesarias para lograr un desenvolvemento persoal e profesional que permita unha eficaz incorporación das persoas a un ámbito laboral real e porque, cada vez en maior medida, a sociedade reclama a presenza de persoas emprendedoras, con ideas propias e iniciativa que, de forma responsable e respectuosa, estean dispostas a participar e implicarse en procesos de mellora.

Durante o curso o alumnado crea e xestiona unha cooperativa de comercio exterior na que intercambian produtos con cooperativas de alumnas e alumnos doutras rexións ou países, comunicándose a través de correo electrónico e videoconferencia, para despois vender no mercado local os produtos importados. As cooperativas reparten os beneficios obtidos igual que calquera empresa.

OBXECTIVOS XERAIS

  • Desenvolver a capacidade de formarse unha imaxe propia realista
  • Desenvolver a capacidade creativa, a iniciativa e o espírito emprendedor
  • Desenvolver a capacidade de tomar decisións responsables
  • Desenvolver unha actitude de indagación e curiosidade
  • Desenvolver a habilidade de obter, seleccionar e interpretar a información
  • Desenvolver a capacidade de comprender os mecanismos e valores básicos de funcionamento da empresa
  • Manexar as novas tecnoloxías como parte integrante do proceso de ensino-aprendizaxe
  • Utilizar as linguas estranxeiras como instrumento de comunicación entre o alumnado e os membros da cooperativa escolar coa que se realiza o intercambio comercial de produtos

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

Os obxectivos específicos conséguense co desenvolvemento de capacidades emprendedoras, coma a autoestima, creatividade, observación e exploración da contorna, análise e síntese da contorna, toma de decisións e comunicación, utilizando:

  • As novas tecnoloxías como parte integrante do proceso de ensino-aprendizaxe
  • A lingua como instrumento de comunicación entre o alumnado e os membros da cooperativa escolar coa que realiza o intercambio comercial de produtos
  • Unha metodoloxía de ensino-aprendizaxe significativa, baseada na práctica e na realización dun conxunto de tarefas sinxelas

Preténdese:

  • Achegar o mundo da empresa á aula
  • Potenciar o desenvolvemento de capacidades emprendedoras
  • Estimular o achegamento a outras culturas e realidades sociais
  • Promover a cooperación entre centros escolares

CONTIDOS

Os contidos da materia articúlanse ao redor dun feito real: a creación, xestión e organización da empresa. Partindo deste fío condutor, os contidos distribúense en tres bloques temáticos que coinciden con tres momentos básicos da vida de toda empresa: a posta en marcha, o funcionamento e a disolución.

  1. Crear a empresa
    Identificación e contacto co medio socioeconómico. Organización dunha cooperativa e elaboración dos estatutos para regular o seu funcionamento. Recoñecemento e análise dos perfís profesionais e postos de traballo necesarios para o funcionamento da empresa creada. Deseño e fabricación da imaxe corporativa da cooperativa.
  2. Traballar na empresa
    Realización dun estudo básico de mercado para decidir o produto, os provedores e as canles de distribución e transporte. Elaboración dun catálogo de produtos. Planificación de operacións de intercambio comercial. Elaboración e xestión da documentación administrativa da empresa. Estudo, análise e selección dun préstamo para o desenvolvemento das actividades da empresa. Deseño e execución dunha campaña de mercadotecnia.
  3. Obter resultados
    Realización de procesos de compra e venda de produtos, respectando os principios de ética e boas prácticas comerciais. Elaboración dun protocolo básico de calidade na relación coa clientela. Elaboración da memoria de actividades da cooperativa. Confección e preparación dos documentos pertinentes cos datos necesarios para proceder á disolución da cooperativa.

CONTRIBUCIÓN DO PROXECTO Á ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS BÁSICAS

O proxecto desenvolve, fundamentalmente, a adquisición da competencia de iniciativa e espírito emprendedor. O alumnado apóiase en iniciativas propias que lle serven para abordar novos retos e enfrontarse a situacións novas en todos os ámbitos da súa vida cotiá e na súa futura vida profesional.

Desenvolve a competencia de aprender a aprender, sempre desde unha visión estratéxica dos problemas, que lle leva a prever e adaptarse aos cambios. O desenvolvemento da materia implica a habilidade para organizar o tempo de forma efectiva e favorece a reflexión sobre a planificación, o que supón unha toma de conciencia dos propios recursos, así como a aceptación dos propios erros como instrumentos de mellora.

Este proxecto desenvolve a adquisición das competencias sociais e cívicas, xa que prepara o alumnado para participar de maneira construtiva nas actividades económicas e sociais da comunidade, axudándoo a comprender o papel e as responsabilidades das institucións locais, nacionais e europeas. A participación en experiencias cooperativas dálle a oportunidade de expresar ideas propias, valorar as dos demais e coordinalas, responsabilizándose da consecución do resultado.

Así mesmo, contribúe á adquisición da competencia lingüística ao fomentar o uso funcional da lingua en situacións comunicativas relacionadas con contextos reais. O alumnado aprenderá a analizar e resolver problemas verbalizando conceptos, explicando ideas, redactando escritos e expoñendo argumentos.

Este proxecto contribúe á adquisición da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. Dunha parte, serve para enfrontarse a situacións comerciais que precisan elementos matemáticos coma números, símbolos, táboas, gráficas e estatísticas. A materia proporciona situacións para interpretar e expresar informacións, datos, opinións e argumentos. Doutra banda, cando o alumnado decide os produtos que quere comercializar é consciente da importancia do uso responsable dos recursos naturais, a preservación do medio ambiente e o consumo racional e consciente.

O proxecto contribúe de maneira directa ao desenvolvemento da competencia dixital, xa que proporciona coñecementos e destrezas para a procura e selección de información. O uso do correo electrónico, o deseño e a manipulación de materiais multimedia ou a realización de presentacións, páxinas web ou videoconferencias son actividades que obrigan as alumnas e alumnos a organizar, procesar e comunicar a información.

EXE colabora no desenvolvemento da conciencia e das expresións culturais porque potencia o desenvolvemento estético, a creatividade e a imaxinación en todo o relacionado co deseño da imaxe corporativa e a animación do punto de venta da cooperativa.

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

O proxecto é unha ferramenta pedagóxica dirixida a motivar, formar, orientar e apoiar as e os futuros emprendedores canto antes, desde o propio sistema educativo. A materia organízase arredor da aplicación e realización dun proxecto: a creación dunha cooperativa de importación e exportación de produtos cuxos socios sexan as alumnas e alumnos. Mediante a realización deste proxecto educativo relaciónase o mundo da educación co da empresa por medio dunha metodoloxía práctica e innovadora que combina o traballo individual co traballo realizado en equipo.

RECURSOS DIDÁCTICOS

Caderno de traballo para o alumnado

Inclúe materiais didácticos para o desenvolvemento do proxecto. Os seus contidos articúlanse a partir dun feito real: a creación, organización, xestión e peche dunha empresa de comercio exterior.

Guía didáctica do profesorado

Para o profesorado preparouse unha guía didáctica con propostas metodolóxicas, recursos, actividades complementarias e suxestións que permiten profundar en determinados contidos.

PORTAL EDUCATIVO

Existirá un portal educativo no que o profesorado poderá encontrar información, ferramentas, propostas de información e espazos para o desenvolvemento e intercambio de experiencias educativas. O portal é unha ferramenta para promover a colaboración entre o alumnado, o profesorado e a comunidade en xeral.

Todos os centros educativos que participen no proxecto terán acceso directo a este. Entre os contidos de maior valor destacan as seccións "Centros educativos" e "Cooperativas escolares", que figurarán no apartado de información. Basicamente, consistirá nunha reportaxe monográfica a un colexio ou instituto que lle dará a oportunidade de mostrar os aspectos máis relevantes do seu proxecto educativo, reflectindo incluso en imaxes as actividades feitas polo seu alumnado.

OBRADOIROS COMPLEMENTARIOS

Durante o proxecto realizarase unha serie de obradoiros complementarios que son necesarios para a creación e xestión da cooperativa educativa.

  • Obradoiro Imaxe Corporativa
    O obxectivo é valorar a importancia da imaxe corporativa na empresa. Para iso o alumnado terá que deseñar un logotipo relacionado coa idea de negocio, localización e deseño da papelería da cooperativa.
  • Obradoiro Catálogo
    O obxectivo é elaborar un catálogo de produtos que se intercambiará coa cooperativa social. Levarase a cabo unha investigación para coñecer as necesidades dos socios coa intención de intercambiar os produtos e vendelos no mercado local.
  • Obradoiro Deseño do Punto de Venda
    O obxectivo é valorar a importancia do deseño e a decoración do punto de venda, aplicando técnicas de mercadotecnia para captar o interese e manter a atención da futura clientela. Todo o traballo levarase á práctica o día do mercado local.

HORARIO LECTIVO

Unha das características deste programa é que se imparte en horario lectivo. Neste caso concreto débese dispoñer dun mínimo de dúas horas por semana dentro da materia Iniciativa Emprendedora.

ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O PROFESORADO, PERSOAS COORDINADORAS E TÉCNICAS

Data: decidirase entre as partes.

As accións formativas están destinadas ao profesorado, persoal coordinador e técnico.

Obxectivos: coñecer e desenvolver os obxectivos, os contidos, a metodoloxía e os recursos didácticos necesarios para a aplicación do proxecto de educación para o emprendemento na aula.

Contidos: formación práctica e reflexiva en relación cos contidos que se desenvolven no proxecto.

TITORÍAS

Titorías presenciais: realizaranse dúas titorías presenciais, unha no segundo trimestre e outra no terceiro.

Titoría en liña: con independencia das titorías presenciais, durante o curso daráselles soporte ás e aos titores, tanto por teléfono coma por correo electrónico ou videoconferencia.

REUNIÓNS DE SEGUIMENTO

Estableceranse reunións específicas de seguimento entre as persoas técnicas e as titoras para a supervisión e coordinación do programa.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  1. Planificar e desenvolver traballos, proxectos e iniciativas persoais e profesionais, individualmente e en equipo, e actuar con espírito emprendedor para alcanzar os obxectivos previstos en función do tempo, dos recursos e do orzamento
  2. Recoñecer os tipos e as formas actuais de empresa e a súa contorna, as súas funcións e o papel que desempeña no desenvolvemento e benestar social
  3. Demostrar responsabilidade, seriedade e comportamentos éticos no desempeño do traballo, así como predisposición para implicarse en proxectos orientados ao benestar social e colectivo
  4. Interpretar e transmitir mensaxes
  5. Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación como ferramentas de uso habitual
  6. Descubrir e identificar as capacidades e potencialidades propias e as características do ámbito sociolaboral para establecer