depoEMPRENDE na FP

DepoEmprende na FP

O proxecto "DepoEmprende na FP" diríxese aos centros educativos que imparten Formación Profesional de Grao Medio e Grao Superior.

O alumnado deseña e elabora un proxecto empresarial a través do asesoramento do seu profesorado e do equipo de profesionais que se pon á súa disposición desde a Deputación de Pontevedra.

Obxectivo

A finalidade é promover no alumnado a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego, así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A través do proxecto preténdese que o alumnado participe de forma activa na vida económica, social e cultural do seu contorno cunha actitude crítica e responsable.

Metodoloxía

A metodoloxía proposta baséase en que un grupo de alumnas e alumnos estude e elabore un proxecto empresarial dun sector que estea relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que curse, a través do asesoramento do seu profesorado e do equipo de profesionais que se pon á súa disposición desde a Deputación de Pontevedra.

Temporalización

O proxecto temporízase ao longo do curso escolar, para rematar cun acto no que o alumnado participa e presenta as propostas elaboradas nos centros participantes do curso 2019-2020. Esta xornada pretende espertar a inquietude emprendedora, motivar o alumnado na procura da calidade do seu proxecto, dar a coñecer as diferentes iniciativas e fomentar as habilidades comunicativas.

Recursos

De acordo co Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra establecen un convenio de colaboración que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra. Para apoiar o profesorado participante levaranse a cabo accións formativas certificadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que teñen como finalidade informar e capacitar o profesorado para que exerza o asesoramento directo co alumnado e poida guialo durante o proceso de maduración de ideas.

Finalmente, a Deputación de Pontevedra dota os centros educativos dos recursos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento das accións relacionadas co proxecto e realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación que permite analizar os logros, a execución do proxecto e o seu impacto, así como asesorar o profesorado e o alumnado de forma directa e indirecta, co fin de resolver incidencias e dúbidas. Este asesoramento lévase a cabo de forma presencial e en liña co fin de desenvolver un seguimento continuo dos procesos de ensino e aprendizaxe e satisfacer as necesidades que poidan xurdir durante o desenvolvemento do proxecto.

Última modificación: Wednesday, 05 June 2019