Cabecera Depoemprende

DepoEmprende na FP 2020-2021

O proxecto "DepoEmprende na FP" diríxese aos centros educativos que imparten Formación Profesional de grao medio e grao superior.

O alumnado deseña e elabora un proxecto empresarial a través do asesoramento do seu profesorado e do equipo de profesionais que se pon á súa disposición desde a Deputación de Pontevedra.

De acordo co Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra establecen un convenio de colaboración que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra.

Obxectivo

A finalidade é promover no alumnado a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego, así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A través do proxecto preténdese que o alumnado participe de forma activa na vida económica, social e cultural do seu contorno cunha actitude crítica e responsable.

Metodoloxía

A metodoloxía proposta ten como obxectivo que un grupo de alumnas e alumnos estude e elabore un proxecto empresarial dun sector que, preferentemente, estea relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que curse.

Desenvólvense diferentes accións dentro e fóra dos centros a través das cales o alumnado relaciona o mundo educativo co empresarial e experimenta a consecución de logros a través do esforzo e do traballo en equipo.

Temporalización

Previsiblemente, a temporalización estenderase ao longo do curso escolar 2020-2021, temporalización que, ao igual que a metodoloxía do programa, se adaptará tendo en conta as decisións que se tomen desde as administracións públicas competentes sobre a organización e planificación do curso escolar 2020-2021 e a evolución da actual crise sanitaria derivada da COVID-19 ou calquera outra circunstancia sobrevida de forza maior.

Para a clausura do proxecto, se as circunstancias o permiten, organizarase unha actividade conxunta na que o alumnado participa e presenta as propostas elaboradas nos centros participantes durante o curso. Estas actividades pretenden espertar a inquietude emprendedora, motivar o alumnado na procura da calidade do seu proxecto, dar a coñecer as diferentes iniciativas e fomentar as habilidades comunicativas.

Recursos

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dota os centros educativos participantes de formación, recursos e ferramentas que posibilitan o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as que se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación que permite analizar os logros, a execución diaria do proxecto e o seu impacto, así como asesorar o profesorado e resolver incidencias e dúbidas. A ferramenta principal é o portal educativo de "DepoEmprende", que ten como fin potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

Para a formación do profesorado desenvólvense accións formativas certificadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que incorpora o proxecto no Plan de emprendemento no sistema educativo en Galicia, Eduemprende.

Última modificación: martes, 23 xuño 2020