depoEMPRENDE na FP

depoEMPRENDE na FP

O reto é que o alumnado, ademais de ser capaz de crear e xestionar unha pequena empresa e de adaptarse a diferentes postos de traballo e novas situacións laborais orixinadas por cambios tecnolóxicos e organizativos nos procesos produtivos, participe de forma activa na vida económica, social e cultural da súa contorna, cunha actitude crítica e responsable.

Proponse unha metodoloxía de ensino-aprendizaxe cuxo eixe central é o estudo e a elaboración, por un equipo de alumnas e alumnos, dun proxecto empresarial dunha pequena e mediana empresa (PEME) dun sector de actividade relacionado coa familia profesional do ciclo formativo do alumnado.

OBXECTIVO XERAL

Desenvolver a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial coma no autoemprego, e a actitude intraemprendedora, para asumir responsabilidades e funcións no emprego por conta allea.

Obxectivos específicos

  • Recoñecer as capacidades asociadas á iniciativa emprendedora
  • Recoñecer e aplicar as competencias laborais de comunicación, liderado e motivación
  • Identificar ideas de negocio e definir a oportunidade da creación dunha pequena empresa
  • Realizar as actividades para a constitución e posta en marcha dunha empresa
  • Realizar a xestión administrativa, fiscal e comercial básica dunha PEME

METODOLOXÍA

O fío condutor da metodoloxía proposta é o estudo, a análise e a elaboración do proxecto empresarial dunha PEME dun sector de actividade relacionado cos perfís profesionais do ciclo formativo que está cursando o alumnado.

Ao finalizar o curso escolar todos os proxectos participan nun Concurso de Iniciativas Emprendedoras que pretende espertar a inquietude emprendedora e apoiar aquelas persoas que polas súas calidades poden chegar a ser emprendedoras.

As claves do método son:

  • O alumnado convértese no centro do proceso de aprendizaxe
  • Fomenta a aprendizaxe autónoma e de estratexias para aprender a aprender
  • Desenvolve o traballo en equipo utilizando a aprendizaxe cooperativa
  • Facilita o desenvolvemento de competencias emprendedoras, tanto para o emprego por conta propia coma allea, de traballo en equipo, comunicación, creatividade, liderado, motivación etc.
  • Potencia o coñecemento, o contacto e a interacción con diferentes institucións e axentes sociais a nivel local
  • Favorece a interacción e cooperación con outros equipos de traballo doutros centros educativos
  • Potencia a utilización de proxectos de xestión administrativa para PEMES
  • Fomenta o emprego das TIC e de diferentes fontes de información e consulta: plataforma web propia, páxinas web diversas etc.
  • Facilita o manexo de diferentes fontes de información e de materiais en distinto soporte: paquete ofimático, PDF, páxina web etc.
  • Aposta pola responsabilidade social corporativa (RSC), a calidade e a innovación como forma de entender e expor o desenvolvemento de proxectos empresariais

CONTIDOS

Os contidos estrutúranse en unidades que coinciden cos necesarios para a posta en marcha dunha empresa. Son os seguintes:

  • Cultura emprendedora
  • Desenvolvemento dunha iniciativa emprendedora: o proxecto empresarial, o equipo emprendedor e a responsabilidade social corporativa
  • Idea de negocio
  • Mercado: mercado e produto, estudo de mercado, clientela, competencia, empresas provedoras e cooperación empresarial
  • Plan de mercadotecnia: produto, prezo, distribución, comunicación e servizo á clientela
  • Localización da empresa
  • Plan de recursos humanos
  • Elección da forma xurídica e a posta en marcha
  • Plan económico financeiro
  • Análise final da idea e conclusións
  • Xestión diaria dunha PEME

Os contidos referentes á comunicación, ao liderado, á motivación e á responsabilidade social corporativa, tamén reflectidos no currículo, abórdanse de forma transversal.

TEMPORALIZACIÓN

O proxecto desenvólvese ao longo de todo o curso escolar.

GRUPO DESTINATARIO

Alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior.

MATERIAIS E RECURSOS DIDÁCTICOS

Material do alumnado

O material didáctico dispoñible para o alumnado é unha guía para a realización do estudo de viabilidade dunha idea empresarial relacionada coa familia profesional do ciclo formativo que está cursando.

CURSO PARA O PROFESORADO DE FP

DESCRICIÓN

No contexto actual da formación profesional precísanse novos escenarios de aprendizaxe, nos que se desenvolvan metodoloxías apropiadas para a adquisición das competencias técnicas e científicas e as competencias transversais e sociais máis demandadas polo contorno empresarial.

Por iso exponse un itinerario formativo co profesorado para compartir métodos de aprendizaxe, recursos e ferramentas didácticas para aplicar nas aulas.

OBXECTIVOS

  • Fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos empresariais viables
  • Valorar oportunidades e dificultades para a adopción de metodoloxías activas e colaborativas no contexto da formación profesional
  • Coñecer experiencias prácticas de autorización de proxectos
  • Coñecer o mapa de recursos de apoio á creación de empresas

CONTIDOS

O papel do profesorado no desenvolvemento dun proxecto empresarial

  • Ecosistema emprendedor
  • Educación para o emprendemento
  • O profesorado como axente de ideas
  • Metodoloxía activa de aprendizaxe
  • Aproximación a proxectos empresariais EIE

Da idea ao proxecto empresarial

  • Creatividade e educación
  • Desenvolvemento de produtos e servizos
  • Ideas para encontrar oportunidades e detectar problemas
  • Como avaliar unha idea de produto ou servizo
  • Calidade
  • Boas prácticas
  • Seguimento de proxectos empresariais EIE

Viabilidade comercial dun proxecto empresarial

  • Análise de mercado
  • Análise de clientes
  • Plan de mercadotecnia
  • Boas prácticas
  • Seguimento de proxectos empresariais EIE

Viabilidade técnica dun proxecto empresarial

  • Desenvolvemento da carteira de produtos e servizos
  • Área legal, forma xurídica
  • Plan de recursos humanos
  • Boas prácticas
  • Seguimento de proxectos empresariais EIE

Viabilidade económico-financeira dun proxecto empresarial

  • Plan de investimento
  • Plan de financiamento
  • Análise de resultados
  • Boas prácticas
  • Seguimento de proxectos empresariais EIE

METODOLOXÍA

Proponse o uso de metodoloxías activas coma a aprendizaxe por proxectos e retos. Estas metodoloxías buscan o desenvolvemento conxunto de competencias técnicas e científicas e competencias transversais e sociais. O alumnado agrúpase en equipos para enfrontarse a un proceso de resolución colaborativo que esixe identificar, reformular e xerar ideas, seleccionar, planificar, executar e facer un seguimento do proceso de desenvolvemento da idea para, finalmente, comunicar e avaliar tanto o proceso coma o resultado.

Durante o curso o profesorado coñecerá ferramentas para o estudo, a análise e a elaboración dun proxecto empresarial dunha PEME dun sector de actividade relacionado cos perfís profesionais do ciclo formativo que está cursando o alumnado.

O profesorado que participe no curso familiarizarase co traballo por proxectos e comprobará que o alumnado pode desenvolver habilidades socioemocionais coma a autoconfianza, a autonomía e a colaboración coas súas compañeiras e compañeiros.

Con esta metodoloxía, ademais de aprender os conceptos centrais e adquirir as aprendizaxes aliñadas co marco curricular, o alumnado constrúe unha comprensión profunda do contido, porque lle permite adquirir e aplicar a información, os conceptos e os principios en diferentes contextos. A aprendizaxe por proxectos permite que adquira aprendizaxes máis profundas, xa que son retidas durante máis tempo.

Desta maneira, o traballo coa metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos constitúe unha oportunidade para establecer un vínculo profesorado-estudantado máis próximo. As e os estudantes non ven o profesor coma unha persoa que lles cualifica, senón como alguén que lles facilita o seu proceso de aprendizaxe.

Ademais do traballo docente-alumnado, a metodoloxía implica a participación de empresas e organismos, xa que constitúen a principal fonte de exemplos e experiencias da vida real, que son esenciais para a formación.

TEMPORALIZACIÓN

Proponse unha acción formativa de 20 horas distribuídas ao longo do curso escolar. Terá un primeiro bloque de 16 horas en outubro e outro de 4 horas no segundo trimestre do curso.

RECURSOS

Durante o curso de formación facilitaranse diferentes recursos para desenvolver o proxecto empresarial na aula.

Didáctica da educación para o emprendemento

  • Estudo A educación para o emprendemento no sistema educativo español
  • Estudo Como crear mentalidades e capacidades empresariais na UE
  • Guía de creatividade CRECACIT
  • Guía de proceso creativo
  • Material didáctico Unha volta emprendedora

Pasos para a creación dunha empresa viable

  • Guía para a realización do estudo de viabilidade dunha idea empresarial relacionada coa familia profesional do ciclo formativo que está cursando
  • Guía para a autoavaliación de proxectos
  • Guía de boas prácticas de educación para o emprendemento na FP
  • Lenzo de modelos de negocio
  • Guía de imaxe corporativa
  • Fichas do plan de mercadotecnia
  • Documentación sobre análises estratéxicas, organización da produción e recursos humanos
  • Instrumentos de financiamento
  • Mapa de recursos
Vídeos
  • 22/03/2018  Resumo do I Certame de DepoEmprende na FP