DepoFroitos. O cultivo de froitos do bosque ecolóxico
Os froitos do bosque son un tipo de froita de recente introdución no mercado español. Aínda que nos últimos anos creceu considerablemente a superficie destinada á produción desta froita, esta segue a ser difícil de atopar nos comercios.
Este tipo de explotacións poden ser moi rendibles se se atopa un modelo óptimo de comercialización da froita, sobre todo se o destino final é o consumo en fresco, xa que esta alcanza un alto prezo no mercado. Por outra banda, para producir estes froitos precísase dunha elevada man de obra, o que axudaría a aumentar a oferta de traballo e, así mesmo, fixar a poboación rural en localidades cuxos ingresos se obteñen fundamentalmente no sector agrario. Ademais, poden orixinar uns grandes ingresos cando se trata de explotacións familiares.
O proxecto creará un servizo de acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque, no que se tratará de asesorar e informar sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións e a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros.
Ademais, usaranse dúas ferramentas innovadoras en liña para reforzar estas accións:
- Un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque
- Unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación
Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultoría gratuíto na modalidade en liña (correo-e, teléfono e WhatsApp) para que poida consultar, preguntar, comentar... En definitiva, recibir o apoio necesario para que sexa máis fácil xestionar a creación e o mantemento da súa nova empresa relacionada co cultivo, a elaboración e a transformación de froitos do bosque.
CONVOCATORIA
Programa EmpleaVerde 2019 (Fundación Biodiversidad)
Eixe: Impulsa
Temática ambiental: Agricultura e gandería sustentable
Obxectivos
O obxectivo xeral do proxecto é impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos, sobre todo en terreos abandonados, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade.
Orzamento
- Orzamento total: 34.915,95 €
- Orzamento cofinanciado polo FSE: 31.424,36 €
- Achega da Deputación (10 % do orzamento total): 3.491,60 €
Cofinanciamento: Máximo de cofinanciamento do 90 % do FSE
Comunidades autónomas nas que residen as persoas destinatarias: Galicia e Principado de Asturias
Provincias nas que residen as persoas destinatarias: Pontevedra e Asturias
Última modificación: martes, 03 marzo 2020