DepoInforma COVID19

DEPOINFORMA

A intensidade da terceira vaga ocasionada pola COVID-19 obrigou nas últimas horas a incrementar as precaucións no conxunto das áreas sanitarias galegas, así todos os concellos da provincia de Pontevedra pasan a estar no nivel máximo de restricións e pechados perimetralmente.

Desde o mércores 27 de xaneiro entran en vigor as novas medidas, coma o cesamento da actividade na hostalería, o peche dos espazos culturais, a prohibición de reunirse con persoas non convivintes, a clausura de grandes superficies comerciais durante a fin de semana, ou o adiantamento do horario límite de peche para o comercio non esencial ás 18 horas. Así mesmo, a cidadanía non poderá saír do seu municipio de residencia salvo por causa laboral, educativa ou sanitaria xustificada.

O obxectivo é reducir ao mínimo imprescindible as interaccións sociais e, con este mesmo fin, o venres 22 de xaneiro a Deputación de Pontevedra adiantouse a estas medidas optando por volver impulsar o traballo en remoto para extremar a protección do seu equipo humano.

Mentres se manteña esta situación de máximo risco, co fin de evitar situacións de contaxio, a atención á cidadanía realizarase de forma prioritaria a través dos servizos electrónicos e telefónicos da institución provincial.

Así mesmo, segundo a normativa en vigor, desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro permanecerán pechadas as instalacións culturais que dependen desta Administración.

Seguimos traballando telematicamente para prestar todos os servizos que precisa a cidadanía por teléfono e con cita previa.

Toca de novo sermos responsables para superar esta situación de forma conxunta. O mellor é permanecer nos nosos domicilios e saír unicamente para o imprescindible.

Informarémosvos puntualmente de calquera cambio a través da nosa web e das redes sociais.

 Cita Previa

  Sede Electrónica

  Oficina Virtual Tributaria –ORAL

Centro de atención telefónica do ORAL: 886 211 400

Deputación de Pontevedra: 986 804 100

RESUMO DAS RESTRICCIÓNS POR MOR DA COVID-19 PARA TODA GALICIA EN VIGOR DESDE O MÉRCORES 27 DE XANEIRO ATA O MÉRCORES 17 DE FEBREIRO:

  • TODA GALICIA está en nivel de restricións máximas
  • Interacción social: só con convivintes (agás no ámbito profesional e para o coidado de menores e maiores)
  • PECHE PERIMETRAL de todos os municipios galegos
  • HOSTALERÍA: peche total do sector, só servizo a domicilio
  • Só se manteñen as actividades en SANIDADE, sen visitas a persoas enfermas (agás dependentes); en EDUCACIÓN, agás nas tres universidade galegas, nas que non haberá clase ata o 8 de febreiro; e para o COIDADO DE MAIORES E MENORES
  • COMERCIO: peche ás 18 horas, agás os considerados esenciais (supermercados, farmacias, talleres mecánicos etc.)
  • DEPORTE: só práctica individual e ao aire libre dentro do propio concello e USO OBRIGATORIO DA MÁSCARA.  Os ximnasios permanecerán pechados
  • Peche de museos, bibliotecas e outros centros culturais e de espectáculos

Como xa facemos desde hai varias semanas, ante o empeoramento da situación a nivel xeral, apelamos á redución da mobilidade; a saír o menos posible dos domicilios; e a reducir os contactos, limitándoos só á unidade familiar.

 

Centros

Campaña #Responsabilízate

SITUACIÓN

A crise sociosanitaria da COVID-19 provocou grandes transformacións e cambios a nivel doméstico tanto nas pautas de consumo como na clase de residuos xerados en millóns de fogares.

Os residuos sanitarios de uso doméstico deben xestionarse de forma correcta para evitar danos ao medio.

A responsabilidade individual é máis necesaria que nunca. Trátase de usar e tamén de refugar os residuos sanitarios da forma correcta seguindo as instrucións do Ministerio para a Transición Ecolóxica: https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/medidas-COVID19/residuos/default.aspx

CONSECUENCIAS

A mala xestión dos residuos sanitarios derivados da COVID-19 ocasiona graves danos ambientais

Máscaras e luvas de látex ou nitrilo son esenciais para protexernos da COVID-19, pero se se tiran no chan poden supoñer unha importante ameaza para a saúde das demais persoas.

Máscaras e luvas son ademais unha ameaza para o noso planeta se acaban nas rías, nos montes ou no sistema de rede de sumidoiros das cidades e vilas, xa que non se degradan.

Unha máscara tarda ao redor de 400 anos en descompoñerse na natureza.

As luvas tamén son altamente contaminantes e perniciosas se acaban no fondo do mar e poñen en perigo a vida dalgunhas especies.

Só España fabricará durante o mes de xuño máis de 100 millóns de máscaras para fornecer a hospitais, corpos e forzas de seguridade e para protexer a poboación en xeral. É esencial empregar correctamente o material de autoprotección durante o seu uso e ao refugalo.

INDICACIÓNS

España é o sexto país da UE onde máis se reciclan os envases; é o momento de reafirmar este compromiso colectivo e xestionar de forma correcta o novo lixo que xeran os fogares.

Responsabilízate e deposita as túas luvas, máscaras e botes de xel nos contedores correctos.

As máscaras e as luvas non son reciclables e deben depositarse no contedor de descarte, de cor verde ou gris segundo o municipio.

Os botes baleiros de xeles desinfectantes deben deixarse no contedor amarelo xunto ao resto de envases de produtos de limpeza.

Un pequeno xesto coma gardar as máscaras ata poder depositalas nos contedores de residuos orgánicos ou restos ou levar os botes de xel hidroalcohólico ao contedor amarelo de envases pode previr danos irreparables no noso contorno máis próximo.

NO MARCO DOS ODS

A campaña "Responsabilízate" da Deputación de Pontevedra enmárcase no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas que a Institución provincial asumiu como prioritarios e que inflúen en cada unha das decisións do Goberno provincial.

A Deputación traballa de forma efectiva para reducir o impacto ambiental negativo das cidades e preservar os recursos naturais da provincia de Pontevedra.

Outra das liñas de traballo enmarcadas nos ODS son accións da Deputación encamiñadas a reducir considerablemente a xeración de refugallos mediante actividades de prevención, redución, reciclado e reutilización.

Este marco é o que inspira o lanzamento desta campaña de sensibilización, que busca situar Pontevedra como un referente no tratamento responsable do novo lixo xerado pola COVID-19 e a protección do medio como unha responsabilidade colectiva.

Información tributaria

Recomendacións fronte á COVID-19

Carteis de medidas preventivas e de hixiene fronte á COVID-19

Teléfono información xeral sobre o coronavirus: 900 400 116

Preguntas e respostas sobre coronavirus

Última modificación: xoves, 28 xaneiro 2021