depomar

A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornos da Rede Natura 2000

Convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento e impulso da sostibilidade pesqueira e acuícola no marco do programa "Pleamar", cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) no ano 2020.

Orzamento total: 59.280,00 €

Achega da FEMP: 44.460,00 € (75 %)

Achega da Deputación: 14.820,00 €

Data de inicio e finalización do proxecto: do 1/12/2020 ao 1/12/2021

Descrición do proxecto

O proxecto "Depomar" pretende fomentar a sensibilización ambiental e a conciencia ecolóxica entre diferentes sectores (pescadores, mariscadoras, outros profesionais do mar, turistas, empresariado etc.) e a cidadanía en xeral con respecto aos impactos antrópicos e á importancia da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos Rede Natura 2000 e outros espazos de protección ambiental no marco de actividades pesqueiras sostibles coma o marisqueo a pé, coa participación activa e directa das mulleres mariscadoras, para contribuír a un modelo de desenvolvemento económico sostible e impulsar e aproveitar o patrimonio ambiental das zonas pesqueiras, reforzando, á súa vez, o liderado e empoderamento das mulleres profesionais do mar.

Obxectivos específicos

  • Aumentar a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia ecolóxica entre os distintos sectores e a cidadanía en xeral, coa participación activa das mariscadoras, con respecto á protección e recuperación da biodiversidade e aos ecosistemas e recursos mariños da Rede Natura 2000, mellorando o coñecemento sobre o contorno mariño e o aproveitamento sustentable do patrimonio ambiental de zonas costeiras, poñendo en valor os recursos naturais e o patrimonio cultural pesqueiro e marítimo e fomentando a redución da contaminación e a mitigación dos efectos do cambio climático.
  • Valorizar e visibilizar a profesión da muller mariscadora, reforzando a sostibilidade do sector de marisqueo a pé, a identidade territorial e o valor das zonas costeiras da Rede Natura 2000.
  • Fomentar e reforzar a participación e o liderado efectivo das mulleres mariscadoras na protección e recuperación da biodiversidade.

"Depomar" consta de 5 accións, 4 de sensibilización e 1 de publicidade, información e comunicación do proxecto, e en todas elas se contempla a participación de distintos sectores da pesca, principalmente o das mulleres profesionais do mar que se dediquen ao marisqueo a pé e doutros actores relevantes na materia.