Noticias

Novas relacionadas

Primeira xornada de participación pública para elaborar a "Estratexia 2030" coa que desenvolver o territorio do Miño

A AECT fai un chamamento aos axentes económicos e sociais da zona para que asistan este luns á mesa sectorial sobre ‘Gobernanza no territorio transfronteirizo'


21 setembro 2018
Estratexia 2030

A nova fase de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030' arranca este luns 24 de setembro en Tui coa celebración da primeira mesa sectorial titulada "A gobernanza no territorio transfronteirizo".  Trátase do primeiro encontro interactivo coa poboación para elaborar de maneira consensuada un documento guía sobre como desenvolver as potencialidades do territorio: a intención é acadar unha boa participación dos axentes socioeconómicos da zona para que expresen as súas propostas, inquedanzas e visión sobre cal debe ser o futuro do territorio do Miño.

A mesa sectorial terá lugar no edificio Área Panorámica ás cinco da tarde e nela tomarán parte a profesora de Relacións internacionais e Administración Pública de Universidade do Minho, Sandrina Antunes, e o profesor de Economía Financieira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia 2030'.

As persoas interesadas en participar na mesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa. Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá' habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.

As seguintes mesas sectoriais que se celebrarán abordarán a ‘Cultura e comercio tradicional', o 27 de setembro en Valença; ‘Mobilidade, os servizos e os turismo sustentable', o 3 de outubro tamén en Valença; e ‘Sectores produtivos', o 8 de outubro en Tui . Todas elas serán ás cinco da tarde (hora galega).

Detrás da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, coñecida como `Estratexia 2030`, está un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027 e rematará a finais de ano coa celebración do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo.

`A Estratexia 2030´ pretende desenvolver un plan de acción e implementar un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) co fin de ser un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.

A encargada de impulsar a Estratexia é Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño),  constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.