Día da Edición

Día da Edición 2020

A partir de 1940, a Deputación asumiu, dentro da súa función de apoio á cultura e fomento da lectura, a produción propia de títulos. En 1986 creouse o Servizo de Publicacións, que foi evolucionando ata a actual Editorial.

No campo da edición levamos traballando case 35 anos, desde que o orixinal chega ao noso servizo e se inicia o proceso editorial ata que sae cara ao seu destino final… Os títulos da Editorial, unha vez terminado o proceso de impresión, envíanselles de balde a todas as institucións públicas e aos organismos que posúan un centro de lectura aberto ao público, de maneira que as publicacións estean dispoñibles nas bibliotecas da provincia pontevedresa e, cando é posible segundo a tiraxe de exemplares, tamén nas de fóra da provincia, especialmente nas universitarias. Tan só unha porcentaxe mínima de exemplares se destina á venda, chegando deste xeito ás librerías e a outros puntos de venda.

A Editorial da Deputación de Pontevedra trata de desenvolver unha clara diversificación nas súas publicacións, que se fai patente nas numerosas coleccións que integran o seu fondo editorial.

O decidido apoio ao mundo da investigación e o notable incremento, tanto en cantidade como en calidade, de estudos neste campo motivou a edición de publicacións periódicas, unha nova fonte de información periódica e actualizada que acolle interesantes e novidosos artigos sobre diferentes temas que atinxen a nosa provincia. Nesta serie insírense dúas revistas, publicacións seriadas compostas por artigos e traballos de investigación do campo das Ciencias Sociais, das Humanidades e da Sociolingüística: Pontevedra. Revista de estudios provinciais e Pontenova. Revista de novos investigadores.

Sempre desde as premisas de reivindicación e igualdade e o respecto á diversidade, a Editorial da Deputación traballa en:

  • Difundir a realidade histórica, social e cultural galega. Galicia é o eixe fundamental de estudo e, máis concretamente, a provincia de Pontevedra
  • Impulsar o idioma galego
  • Fomentar a diversificación de información, con revistas caracterizadas pola variedade de áreas de estudo, temas e autoras e autores
  • Promover as publicacións periódicas, fontes de información rápida, debido á brevidade das exposicións, e actualizada
  • Estimular e difundir a investigación, tanto entre destacadas investigadoras e investigadores (Pontevedra) como entre a xente máis nova (Pontenova)
  • Adecuarse permanentemente ao cambio, fortalecendo a biblioteca tradicional e incorporando paulatinamente a biblioteca virtual. A través desta páxina web a cidadanía poderá consultar o catálogo dos fondos editoriais e, así mesmo, acceder ao contido das últimas revistas en liña, utilizando deste xeito as novas tecnoloxías ao servizo da universalización do acceso á información

A Editorial conta no seu catálogo con case 800 títulos de narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía etc. Un amplo catálogo que inclúe coleccións interesantísimas como: A provincia en imaxes, Arte, Arte & estética, Benito Soto, Ensaio e investigación, Especiais, Fillos ilustres da provincia de Pontevedra, Helenes, Heráldica e xenealoxía, Infantil, Natureza galega, Patrimonio documental da provincia de Pontevedra, Plan de organización de arquivos municipais, Poesía e narrativa, Publicacións periódicas, Reedicións e facsímiles, Poesía Tambo, Poesía Cíes ou Poesía Ínsua.

O noso catálogo editorial está á vosa disposición na web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, na que estamos a traballar para adaptala aos novos tempos e facela máis accesible e atractiva para a cidadanía. Así mesmo, estamos a engadirlles descritores a todas as publicacións para que as buscas sexan moito máis sinxelas por temas, ou localización xeográfica, entre outros. É un ambicioso proxecto para que se poida consultar e navegar a través dela con cantidade de contidos moi interesantes, unha xanela para asomarse a todo un catálogo de publicacións que está xa á vosa disposición.

Última modificación: xoves, 17 decembro 2020

Vídeos

Día da edición 2020