Día das Artes Galegas

Itinerarios sobre o Barroco e a Ilustración na provincia

Día das Artes Galegas

A Academia Galega de Belas Artes festexa cada xornada do 1 de abril como o Día das Artes Galegas. Para este ano 2020 a corporación académica acordou dedicarllo ao arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade (1639-1712), e colaborar coa Deputación Provincial de Pontevedra na organización dunha nova xeira de visitas que tratan de introducir e sensibilizar sobre a significación do Barroco na provincia. Época, ética e estética que implican grandes eruditos coma mestres arquitectos, construtores, canteiros, sobranceiros escultores e retablistas.

Domingo Antonio de Andrade

(Cee, A Coruña, 1639-Santiago de Compostela, 1712)

En 1654 comeza os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que os abandona tras unha enfermidade. En 1668 casa con Isabel Areas Canosa, con quen ten dez fillos —cinco dos cales faleceron antes de chegar á adultez—, e ao quedar viúvo en 1699 ordenouse como presbítero.

Empeza a traballar na capital compostelá en 1662 como entallador de oficio, preocupado principalmente pola estrutura compositiva dos retablos en madeira. Algunhas das súas obras son o tabernáculo da catedral de Santiago, o baldaquino da capela do Santo Cristo da catedral de Ourense e o baldaquino do altar maior da igrexa do mosteiro de Oseira. En 1676 é nomeado mestre maior de obras da catedral compostelá; a súa primeira obra é a torre do Reloxo (1680), caracterizada pola súa monumentalidade e solidez en harmonía co conxunto catedralicio. En 1696 o cabido santiagués encárgalle a nova sancristía (hoxe capela de Nosa Señora do Pilar), da que fixo as trazas, mais en 1711 substitúeo Fernando de Casas Novoa na obra. En 1700 realiza o Pórtico Real da Quintana. Así mesmo, traballa en tres partes principais do convento de San Domingos de Bonaval: a fachada da portería, os cuartos e o claustro, onde aparecen as súas características sartas de froitas e o virtuosismo da afamada escaleira de caracol. Entre as súas mostras sobranceiras de arquitectura urbana destacan a Casa da Parra (1683) e a Casa da Conga (1709), que el comeza, aínda que finalmente a realización se lle atribúe a Fernando de Casas Novoa. Ademais, fóra de Compostela elabora, entre outras, a sala capitular e a sancristía da catedral de Lugo, interiores que contan tamén co seu característico encalado en branco.

Na súa obra Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura (Santiago de Compostela, 1695) expresa a súa teoría arquitectónica.

O Barroco en Pontevedra

Nos séculos XVII e XVIII Galicia e a veciña Portugal son referentes e reciben influencias de ultramar que suman ás súas experiencias. Son momentos nos que se marca o contraste e o encontro co Neoclasicismo e o nacente sentir académico. Tempo dos curiosos impertinentes, dos grandes viaxeiros, das ansias de compartir saber... que atopan en Galicia fortes contrastes expresados na solemne arquitectura e escultura de templos, igrexarios, pazos, no urbanismo, no trazado de xardíns cun marcado estilo que conxuga outros nos que as formas se afiligranan e se buscan contrastes como expresión dun desafío técnico e artesanal, evidente nos retablos, na escultura e mesmo en artes menores coma a pratería, o acibeche, o gravado....

Estas visitas constituirán un paseo pola sensibilidade desa época, unha análise da ética e da estética cosmopolita dun tempo, das técnicas construtivas e escultóricas, afondando tamén nos mitos, nas lendas e no substrato das tradicións nas que prende a identidade.

Nestas rutas de medio día, guiadas por especialistas, visitaremos os espazos e a arquitectura dos municipios da provincia con responsabilidade e con seguridade, respectando todas as medidas precisas, tanto no transporte coma nas propias visitas guiadas, e sendo conscientes da importancia que ten a actividade e a reacción cultural na sociedade, nestes momentos máis que nunca.

É un momento para camiñar xunto á cultura, percorrendo a provincia de Pontevedra coa literatura e coa arquitectura.

APRAZADA. Prazas esgotadas

PontevedraPoio

Sábado 12 de setembro, de 10 a 13:30 h

Punto de partida: Ruínas de San Domingos, Pontevedra

Visita aos pazos urbanos de Pontevedra, ás igrexas da Peregrina e San Bartolomé e ao mosteiro de Poio

Prazas esgotadas

Vilagarcía de ArousaCambados

Sábado 19 de setembro, de 10 a 13:30 h

Punto de partida: pazo de Rubianes, Vilagarcía de Arousa

Visita ao pazo de Rubianes, templo parroquial de Santiago do Carril e ao pazo de Fefiñáns en Cambados

Prazas esgotadas

Tui-Salvaterra de Miño

Sábado 26 de setembro, de 10 a 13:30 h

Punto de partida: Igrexa de Santo Domingo (R/ Antero Rubin), Tui

Visita a pé por Tui, capela de San Telmo, convento da Concepción, igrexa de San Francisco. Visita á fortaleza de Salvaterra de Miño.

Prazas esgotadas

VigoNigránBaiona

Sábado 3 de outubro, de 10:00 a 13:30 h

Punto de partida: pazo de Castrelos, Vigo

Visita ao pazo de Castrelos e xardíns. Templo Votivo do Mar en Panxón, Nigrán; igrexa de Santa Liberata en Baiona e ponte da Ramallosa

Prazas esgotadas

BueuCangas

Sábado 10 de outubro, de 10 a 13:30 h

Punto de partida: Aparcadoiro Bueu (R/Valado, ao carón da E. I. A Galiña Azul), Bueu

Visita á capela dos Santos Reis, ao museo Massó, á igrexa de San Cibrán de Aldán, á Finca do Frendoal e ao cruceiro do Hío en Cangas

Prazas esgotadas

Lalín-A Estrada

Sábado 17 de outubro, de 10 a 13:30 h

Punto de partida: pazo de Liñares, Lalín

Visita ao pazo de Liñares en Lalín e ao pazo de Oca, A Estrada

Estefanía López

Rutas de Pontevedra–Poio e Tui

Doutora en Arquitectura, con Premio Extraordinario de Arquitectura pola Universidade da Coruña (2010) e Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia (2010). Ten un máster en Rehabilitación Arquitectónica pola mesma universidade (2010), onde tamén desenvolveu o seu doutoramento entre os anos 2011 e 2015 co título San Julián de Samos (Lugo), estudio e interpretación del diseño monástico y su evolución, que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento (2016). Para o desenvolvemento da súa tese de doutoramento beneficiouse de dúas bolsas: a Bolsa Pre-doutoramento da Universidade da Coruña (2011-2012) e a Axuda de Apoio á Etapa Pre-doutoramento do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015-Plan IC2, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE-FEDER) (2012-2015). Realizou estancias de investigación e docencia na Università degli Studi di Padova e na Facultade de Arquitectura da Universidade de Zagreb. Impartiu conferencias en congresos nacionais e internacionais en España, Portugal, Inglaterra, Polonia, Croacia, Estados Unidos, Francia e Italia. A súa investigación foi publicada en diversas revistas científicas e libros, principalmente sobre a historia da arquitectura monástica e a paisaxe sacra. Na actualidade é profesora no departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación en Estudos Territoriais (GET).

Paula Pita

Rutas de Vilagarcía de Arousa–Cambados, Vigo–Nigrán–Baiona e Bueu–Cangas

Doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde tamén se licenciou co Premio Extraordinario de Licenciatura (2007). Membro do grupo de investigación GI-1510 Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo, da USC, colaborou en seis proxectos de investigación nacionais. No ano 2005 comezou a súa carreira investigadora, centrándose na Historia da Arquitectura e o Urbanismo barrocos e na teoría artística española durante a Idade Moderna. A súa principal liña de traballo oriéntase cara ás vidas e obras dos arquitectos membros de ordes regulares, tema sobre o cal publicou os libros El manuscrito de fray Bernardo Foyo y el plano de Fray Plácido Caamiña (2007); Fray Manuel de los Mártires, maestro de obras de San Domingos de Bonaval (2017), así como diversos capítulos de libros e artigos en revistas especializadas. Gozou de estancias de investigación en centros nacionais e internacionais coma a Universidade Complutense de Madrid, a Università degli Studi di Roma, La Sapienza, o Centro Italiano di Studi Compostellani da Università di Perugia, ou o Kunsthistorisches Institut de Florencia. Recentemente conseguiu unha bolsa Ruth Lee Kennedy Fulbright 2020 para realizar unha estancia de investigación de tres meses en Estados Unidos a partir de 2021.

Desde o 2007 é secretaria do curso de verán Lecciones Jacobeas Internacionales en la USC, dedicado ao Camiño de Santiago e ao mundo xacobeo. En 2008 comezou a traballar como profesora de Arte e Cultura Española para estranxeiros en cursos internacionais da USC, e na actualidade é tamén colaboradora habitual dos programas norteamericanos de Duke University in Madrid e Vassar-Wesleyan en Madrid. Entre 2011 e 2018 participou na redacción e revisión da Enciclopedia del Románico en Galicia provincias de A Coruña, Ourense y Lugo. Desde 2015 colabora como redactora coa revista Descubrir el arte.

Luz Paz

Ruta da Estrada–Agolada–Silleda

Doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela. Realizou unha estadía posdoutoramento na Bartlett School of Architecture, en Londres, cunha bolsa de posgrao da Fundación Barrié.

Desde o ano 2004 traballa no ámbito da arquitectura, o urbanismo e o comisariado de exposicións, polos que recibiu recoñecementos nacionais e internacionais. Forma parte do colectivo Cadelasverdes, do equipo redactor da revista Dardo Magazine: Art+Architecture+Design, e foi coeditora de BAc, revista de investigación e arquitectura contemporáneas.

Comeza o seu labor docente no ano 2009 na Escola de Arquitectura da Coruña onde na actualidade é profesora na área de Composición e forma parte do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (GICAP).

24 prazas por ruta

Inscrición previa en roteiros.cultura@depo.gal

Indicaranse o nome da ruta, os nomes das persoas participantes (máximo 4 por reserva) e un número de teléfono de contacto. Será obrigatorio o uso de máscara.

Os traslados entre os puntos das visitas faranse en transporte particular.

Cumpriranse todas as medidas hixiénico sanitarias e de seguridade que dita a normativa vixente pola COVID-19.

 

Última modificación: venres, 28 agosto 2020