Día das Letras Galegas 2021

Día das Letras Galegas 2021

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha intensa programación cultural co obxectivo de enxalzar e dar a coñecer a figura de Xela Arias á cidadanía da provincia.

Nos vindeiros días e semanas desenvolveranse numerosas actividades arredor da obra e da singular traxectoria da homenaxeada deste ano, tratando de achegarlles o seu traballo aos centros de ensino de Pontevedra e ao público adulto.

Programación polo Día das Letras Galegas 

ESPECTÁCULOS MULTIDISCIPLINARES

Por Xela: mestura de música, poesía e fotografía

Estreamos programación co espectáculo Por Xela, no que todo xira arredor da súa obra mesturando tres disciplinas artísticas e tres formatos: música, poesía e fotografía, como facía a propia homenaxeada deste ano.

A parte de poesía está comisionada por Tamara Andrés, tradutora e poeta especializada en Xela Arias. No espectáculo participarán dez poetas contemporáneas galegas; estarán en vivo catro delas de cada vez.

A parte musical corre a cargo de A Banda da Loba, formación galega composta por mulleres que está a revolucionar a escena galega coa mestura de música e literatura. Musicarán poemas de Xela Arias desde formatos máis tenros ata o punk rock, pasando polo country ou o bolero.

A fotografía serviranos para achegarnos á figura de Xela Arias a partir das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria. Será un show dinámico, atractivo e 100 % feminino para homenaxear unha poeta singular.

AVISO. Para asistir aos espectáculos programados será preciso solicitar o convite a

Pontevedra 3 de xuño ás 20:30 h na Praza da Ferrería

Xela Arias, Vencerse é cousa de se tratar

Tamén queremos unir a Xela coa nosa querida María Vinyals no espazo do castelo de Soutomaior, coa programación da peza escénica Vencerse é cousa de se tratar.

Unha proposta vangardista de Fernando Abreu, na que a voz da propia Xela se atopará con música e imaxes e na que participa tamén Mónica de Nut, Pablo Carrera, Roi Fernández (Sr. Pause) e todo baixo a dirección de Avelino González.

Máis información e reserva previa

 

ENSINO

En colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizaranse obradoiros sobre a homenaxeada deste ano en diferentes centros de ensino de primaria e secundaria.

Están programados un total de 20.

Estas actividades desenvolveranse ao longo das próximas semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos de Montes, Oia e Agolada.

Dous niveis educativos:

  • A xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal será a encargada de achegarlle a figura de Xela Arias ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO
  • O obradoiro Xelapalabra correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase ao alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria. Simulará un concurso televisivo no que as probas se superarán adiviñando pistas ou definicións de palabras vencelladas coa escritora
 

EXPOSICIÓNS

"LEBRES COMA GACELAS"

Data: xullo de 2021

Lugar: sede da Deputación en Vigo

Esta mostra concíbese como un proxecto multidisciplinar de nova creación que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose.

Tomamos como inspiración o libro de Xela Arias Tigres coma cabalos (1990), editado por Xerais e con fotos de Xulio Gil, no que cada poema da escritora se confronta e dialoga cunha imaxe, e creamos un proxecto análogo no que poñemos de relevo o feminino e xogamos, ademais, coa proximidade de significado entre lebres e libres. 

Para iso, seleccionamos dúas persoas fotógrafas contemporáneas referentes desta provincia, Eva Díez e Fran Heberllo, e convidamos un grupo de recoñecidas poetas galegas (Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns) a que creasen poemas específicos para as fotografías artísticas destas dúas persoas.

Ligada a esta mostra e co obxectivo de achegala ao público máis novo, desde o Departamento de Igualdade lanzaremos no mes de setembro un concurso de foto-poesía, dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato

"XELA ARIAS. A POESÍA DO RETRATO". Fotografías de Xulio Gil

Data: do 13 de setembro ao 29 de outubro de 2021

Lugar: Museo Verbum de Vigo

Outro dos importantes proxectos para homenaxear a esta autora e difundir as Letras é a exposición "XELA ARIAS. A POESÍA DO RETRATO", con fotografías de Xulio Gil, froito dunha colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Vigo. Mostra comisariada por Xosé Enrique Acuña.

Trátase dunha colección de poemas da autora xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90, cando ambos eran parella. Unha mostra que nos permite mergullarnos no universo máis íntimo da autora.

 

APOIO EDITORIAL

Mantemos o compromiso coas editoriais e para iso apoiamos a publicación de varios libros de Xela Arias

  • DARÍO A DIARIO
    Xela Arias
    Editorial Xerais
  • POESÍA REUNIDA
    Xela Arias
    Editorial Xerais
  • INTEMPÉRIOME
    Xela Arias
    Editorial Xerais

E tamén a publicación doutros libros sobre a figura da escritora como

  • XELA ARIAS. POETA E TRADUTORA
    Anxo X. Rajó Pazó
    Editorial Ir Indo
  • XELA QUIXO SER ELA
    Yolanda Castaño
    Editorial Xerais