Día das Letras Galegas  2020

Día das Letras Galegas 2020

A Deputación de Pontevedra celebrará oficialmente as Letras Galegas 2020 cunha programación que ‘percorre' a Carvalho Calero con poesía, música e erotismo. Os actos completarán os que xa se realizaran no mes de maio cunha semana de publicacións en redes sociais de lecturas de textos na voz de escritoras e escritores do país, en colaboración Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). 

A deputada de Lingua María Ortega asegura que, aínda que é preciso reducir drasticamente o aforo, hai unha aposta pola calidade das propostas , algunhas delas que suporán unha "grande sorpresa".

Os convites para poder participar nos actos das Letras Galegas, que deberán incluír nome e teléfono de contacto das persoas asistentes, terán que solicitarse no correo vicepresidencia@depo.gal, (máximo dous por mail).

Para o concerto do día 21 as peticións comezarán a rexistrarse ás 9.00h do luns 19; para a presentación do libro do venres 23, as solicitudes recibiranse dende as 9.00h do mércores 21; e para o espectáculo do venres 30 as solicitudes deberán comezar o mércores 28 ás 9.00 horas. Dadas as restricións obrigadas pola COVID-19 o aforo estará limitado a únicamente 30 persoas por acto, cubríndose as prazas por estrito orde de chegada.

Xardín Desordenado

Xardín Desordenado

O vindeiro mércores 21, no Museo de Pontevedra, ás 20 horas realizarase un concerto do grupo Xardín Desordenado. O integrante da banda Isaac Garabatos explica xornada centrarase no descubrimento do sentido poético de Calvalho Calero, ao que cualificou como "directo e emocionante", e arredor do que se tratarán dende temas trascendentais ata a súa relación co seu Ferrol natal e incluso "as reunións entre colegas". "Un exemplo da forza de Calero é o poema ‘Futuro condicional' no que fala dunha rapaza negra que vive unha situación de esclavismo nas mans dos homes brancos e, a pesares da dificultade, a ensalza con poderío", subliñou.

Calero sen Fronteiras

Calero sen Fronteiras

O venres 23 na Sede da Deputación en Vigo ás 20 horas presentarase o libro ‘Carvalho Calero sen Fronteiras', de Aser Álvarez. O propio autor explica que se trata dun libro no que se recollen os textos, imaxes e a propia visión de Calero, un percorrido pola vida do autor, "un home que foi un resistente ata o final dos seus días". A presentación contará coa música de Moisés Quintas, que acompañará unha pequena parte musicada de poemas e audiovisuais.

 

Eterna e Múltipla

Calero sen Fronteiras

O venres 30 de outubro ás 20 horas o colectivo ‘O fruto e a serpe' dará lugar ao espectáculo máis novidoso, que se desenvolverá no Museo de Pontevedra. A integrante do grupo Elvira Jardón subliñou que se trata dun híbrido entre un recital, un concerto e unha tertulia "no que a idea principal é o diálogo interxeneracional e interxénero co Calero máis poético".

Dúas poetas mulleres actuais conversarán coa voz que Carvalho Calero adoptaba falando como muller e poñéndose na súa pel. "Inicialmente centrámonos na súa parte erótica, porque Calero é un dos grandes representantes da poesía erótica galega, pero isto vai máis alá do erótico", explica Jardón.

Última modificación: luns, 19 outubro 2020