Día de Europa

Celebración do Día de Europa

O Día de Europa conmemora cada 9 de maio a paz e a unidade do continente. A data é o aniversario da histórica declaración de Schuman, o momento no que o ministro francés de Asuntos Exteriores expuxo a súa idea dunha nova forma de cooperación política que fixese impensable un conflito bélico entre as nacións europeas.

No Día de Europa 2020 as institucións da UE queren renderlles homenaxe ás e aos europeos que, desde un espírito de solidariedade, contribúen a que a nosa Unión supere a crise do coronavirus

Un ano máis a Deputación de Pontevedra súmase a esta importante efeméride con diversas actividades coas que pretende resaltar os fortes vínculos económicos e sociais que existen entre a provincia de Pontevedra e o resto de territorios europeos.

A institución provincial mantén unha activa participación en proxectos europeos que permiten sacar adiante iniciativas sustentables e de eficiencia enerxética en aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) no ámbito local. O Goberno da Deputación ten en marcha na actualidade 33 programas que mobilizan na nosa provincia un total de 30 millóns de euros.

Para conmemorar o Día de Europa ten programado un webinar coa experta europeísta Susana del Río Villar, doutora en Ciencias Políticas, académica da Academia Europea de Ciencias e Artes, directora do grupo de expertas e expertos Convención sobre o futuro de Europa, profesora e membro do comité de expertas e expertos independentes da UE.

Adicionalmente, organizarase unha nova edición de "Degusta Europa" pero cun formato completamente novo. En lugar de achegar as deliciosas elaboracións do alumnado dos centros Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra aos mercados e prazas de toda a provincia compartirase o receitario en liña e convidarase á cidadanía a elaborar pratos tradicionais doutras rexións europeas empregando materias primas das Rías Baixas.

Última modificación: luns, 11 maio 2020