Día de Rosalía

 

24 de febreiro. Coa forza de Rosalía!

Cada ano desde o Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra sumámonos á celebración do Día de Rosalía cun acto institucional que ten lugar arredor do día 24 de febreiro, data na que se conmemora o seu nacemento.

Agora, máis ca nunca, debemos contaxiarnos da forza e da viveza dos seus cantares para proxectalos neste 2021, abrazando todo o bo que nos rodea, que sabemos que é moito, e impulsando a cultura para recuperar o cotián cos ollos da ilusión!

Para iso, vertemos toda esa enerxía nas seguintes accións:

A Nosa Rosalía

Cada ano o 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, a escritora galega máis representativa da nosa literatura, en permanente actualidade e cuxa obra transcende as fronteiras universais.

Desde a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo, poñemos en marcha o concurso creativo de debuxo infantil A Nosa Rosalía.

Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de Educación Primaria da provincia de Pontevedra, que poderán participar, de maneira individual, elaborando un debuxo inspirado na personaxe, vida ou obra de Rosalía de Castro.

Para iso dispoñerán dun documento modelo, que se poderá descargar na páxina web da Deputación: www.depo.gal, no que realizarán o debuxo e incluirán os seus datos.

Unha vez finalizado, entregaranllo á súa mestra ou mestre ou á Dirección do centro para que llo remitan escaneado a cor ao correo electrónico: anosarosalia@depo.gal

Categorías nas que poderán participar:

  • Categoría "Campaniñas": 1.º, 2.º e 3.º de Primaria (de 6 a 9 anos)
  • Categoría "Airiños": 4.º, 5.º e 6.º de Primaria (de 9 a 12 anos)

Data límite para o envío dos debuxos: 19 de febreiro de 2021

Cantas máis alumnas e alumnos da aula ou do centro participen, máis posibilidades de recompensa haberá para o grupo, xa que, ademais dun pequeno agasallo didáctico para os debuxos seleccionados e centros participantes, os mellores debuxos de cada categoría, que serán anunciados o día 24 de febreiro, conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de Polo Correo do Vento. Esta actividade realizarase no propio centro nunha data que se deberá convir coa Dirección deste, dentro do curso e horario escolar.

Os debuxos participantes e o nome do alumnado premiado poderán difundirse a través das canles da Deputación de Pontevedra.

E, para comezar a liberar a imaxinación, aquí vai un belisco dun dos seus Cantares...:

Pasan naquesta vida

cousiñas tan estrañas,

tan raros feitos vense

neste mundo de trampa;

tantos milagres vellos,

tan novas insinanzas,

e tan revoltos allos

con nome de ensaladas,

que non che digo nada...

Pero ¡vaia!

Persoas premiadas no concurso

Proxectando a forza de Rosalía!

Proxección de frases ou versos de Rosalía nas fachadas emblemáticas da Deputación e nos concellos da provincia

O propio día 24 prenderanse de forma simultánea a palabra e a mensaxe de Rosalía en varios puntos da provincia, concretamente en edificios públicos dos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal. O Servizo de Comunicación foi o encargado da ilustración do cartel e do deseño para proxectar as frases ou versos de Rosalía sobre as fachadas do Pazo provincial, da sede de Vigo e dalgúns edificios públicos de concellos da provincia. Nos edificios da Deputación permanecerán durante unha semana. Animámosvos a compartir a través das vosas fotos a palabra de Rosalía:

#CoaForzadeRosalía   #DíadeRosalía  #ADepoconRosalía       

24 de febreiro, celebración do Día de Rosalía

Terá lugar un acto no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra pola mañá e na sede de Vigo pola tarde

Realizaremos un pequeno acto institucional, sen público presencial, que poderá seguirse de forma virtual a través das nosas canles. Nel participarán en remoto nenas e nenos que lerán algúns poemas de Rosalía da súa escolla.

Ademais das intervencións institucionais, sumarémonos á proposta da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) coa lectura do manifesto polo Día de Rosalía elaborado este ano por Anna R. Figueiredo. Anunciaranse tamén os gañadores e gañadoras do concurso de debuxo "A Nosa Rosalía", contarase coa actuación de Uxía, que interpretará algúns poemas do seu disco Rosalía pequeniña e cun servizo de interpretación en lingua de signos para fomentar a participación e a inclusión da mensaxe universal de Rosalía.

Pola tarde, na sede de Vigo, o mesmo acto completarase co prendido da proxección sobre a fachada.

Última modificación: venres, 14 maio 2021