Día do Libro

Unha viaxe ao redor do mundo a través da literatura

Os libros son unha potente ferramenta de transformación social. Grazas a eles formámonos e informámonos, viaxamos por todo o mundo e coñecemos novas tradicións e culturas que nos fan soñar cun futuro máis enriquecedor e diverso.

Con cada lectura abrimos unha fiestra a un novo mundo, ampliamos os nosos propios límites e cultivamos a empatía por novas realidades, inquedanzas e inxustizas.

Co gallo do Día do Libro, o 23 de abril, a Deputación de Pontevedra quere convidar a cidadanía a realizar unha viaxe ao redor do mundo da man de autoras e autores universais que abordan os principais temas que lle preocupan á humanidade: o amor, a dor, a amizade, a guerra, a liberdade ou a familia.

 

As circunstancias excepcionais nas que este ano conmemoramos tan especial efeméride reforzan a necesidade de compartir cultura, de sentírmonos parte dun todo. Por este motivo, tamén queremos que as lectoras e os lectores da provincia de Pontevedra nos acheguen novas propostas de lectura e as súas citas de referencia.

Queremos coñecer as frases que inspiran e acompañan a todas as veciñas e veciños no seu día a día e abrir unha xanela común para que as poidamos compartir en redes sociais a través da etiqueta #aDepocoalectura.

Aproveitemos para saír deste encerro físico temporal e viaxar cos ollos abertos a través de historias descoñecidas e personaxes sorprendentes. Será unha entretida aventura para todas e todos.

 

Última modificación: venres, 24 abril 2020

aDepocoalectura