Día Internacional da Música

A música sae con nós

Nun momento crucial para o mundo que coñecemos, no que a crise sanitaria epidemiolóxica da COVID-19 nos obrigou a confinarnos nos nosos fogares, a música volveuse fundamental para alimentar o noso espírito e manter vivo ese vínculo identitario coa nosa comunidade.

A cultura foi unha ferramenta incuestionable para xestionar as nosas emocións e para superarmos situacións complexas cando o noso mundo se cambaleaba e as nosas liberdades se vían reducidas pola loita contra un inimigo global e invisible. A creatividade, a literatura, o audiovisual e, por suposto, a música foron a nosa forma de viaxar, de sentir, de aprender, de seguir sendo libres en novos mundos imaxinarios.

Por todo isto, a Deputación de Pontevedra quere festexar un Día Internacional da Música 2020 especial que recoñeza o valor fundamental desta disciplina na nosa sociedade e a necesidade cultural que temos todas as persoas de gozar dunha das manifestacións artísticas máis universais. E quere facelo recuperando a música en vivo e xerando sinerxías coas artes escénicas e plásticas, con movemento, creatividade e espírito lúdico. Igual que o estamos a facer todas as persoas, pouco a pouco, na recuperación do espazo público e da nova normalidade, a música sairá novamente á rúa.

Porque non hai futuro sen cultura.

Músicas de Domingo
(concerto multidisciplinar)

Pazo provincial, avenida de Montero Ríos, Pontevedra
Venres 19 de xuño, ás 12 horas

NELSON QUINTEIRO PRODUCIÓNS

Nelson Quinteiro

 O artista cangués Nelson Quinteiro ofrecerá un recital especial con moito de escénico e co engadido dun piano de cola, instalado nun recipiente non convencional, no que presentará algunha das pezas do seu recente disco Músicas de Domingo.

Rodeado de músicos de primeiro nivel coma Brais González (piano), Álvaro Cardalda (acordeón), Iago Prieto (gaita) e Roi Adrio (percusión), ofrecerá un concerto moi pouco usual, repleto de pezas emocionantes que fan viaxar e que se recrean nun constante xogo de latitudes. Este é o segundo traballo de Nelson Quinteiro arredor das músicas de tradición oral que conta con dous nomeamentos aos XIX Premios Opinión das Músicas de Raíz.

Alba F. Troiteiro

Para darlle plasticidade á peza, a voz de Quinteiro contará co movemento e coa danza de Iván Villar (Nova Galega de Danza, Entrecaixas, Ballet Galego Rey de Viana), con quen xa traballara na montaxe Gharbo! do Centro Coreográfico Galego, e coa artista plástica Alba F. Troiteiro, quen irá trazando un inmenso lenzo de 3 x 2,20 m ao vivo mentres o concerto se vai tecendo, no transcorrer das pezas de "un disco moi bonito. Un universo evocador e fermoso" (Fernando Íñiguez. Tarataña. RNE Radio 3).

Quen canta seu mal espanta
(cello e danza contemporánea)

Praza da Porta do Sol, Vigo
Venres 19 de xuño, ás 20 horas

MACARENA MONTESINOS E NURIA SOTELO

 

A violonchelista Macarena Montesinos e a coreógrafa Nuria Sotelo volven reunirse para crear a peza de nova creación Quen canta seu mal espanta co motivo da conmemoración internacional do Día da Música en Vigo. Quen canta seu mal espanta é unha homenaxe á música, esa arte que está presente antes do preexistente a través das nosas nais, a arte da memoria, o alimento para o espírito, o motor dos desexos, que funciona coma unha das mellores vacinas tan necesarias nestes tempos. Máis que nunca cantemos para espantar o mal, para atraer o bo que regue todo de arte e de música.

A coreógrafa e intérprete Nuria Sotelo e a violonchelista e artista visual Macarena Montesinos coñecéronse no laboratorio de creación experimental Alg-a Lab en Vigo en 2012. Froito dese encontro xurdiron, ademais dunha amizade, diversas propostas de artes escénicas ata a data. Coa colaboración do "Alt.procrea en Feminino" realizaron a súa primeira proposta escénica, Silencio por favor, dirixida pola compañía da coreógrafa, Licenciada Sotelo, que estrearon o ano seguinte, en 2014, no Festival Alt. de Vigo.

En 2016 embarcáronse nunha nova peza, Ensaio Amor, de creación conxunta entre Clara Ferrao, Macarena Montesinos, Nuria Sotelo e a súa filla, Lena, aínda unha nena, unha peza coproducida polo Festival Escenas do Cambio e o Festival Alt. de Vigo en colaboración co Espazo de Creación AZALA, en Áraba. Con esta peza gañaron o Certame Coreográfico de Madrid e viaxaron presentando a obra por Galicia, España e Polonia. Á parte levaron a cabo propostas, feitas ex professo, para espazos de rúa, como a peza Infraleve en 2016, ou Quen canta seu mal espanta, que presentan nesta ocasión en Vigo co motivo do festexo do Día Internacional da Música.

 

Última modificación: luns, 06 xullo 2020