Día Mundial de la Filosofía

Reflexións sobre o coronavirus polo alumnado sénior de Filosofía da UNED

"Un cambio de visión está a acontecer a nivel mundial na ciencia e na sociedade, un cambio que non é máis que o desenvolvemento dunha nova forma de ver a realidade"

Fritjof Capra

Estamos a vivir unha distopía para a que non estabamos preparados. Aínda que cando isto pase, que pasará, teremos que lidar coas consecuencias a longo prazo.

É seguramente a sacudida que necesitabamos para reparar o planeta.

Non é soamente unha crise de saúde, senón tamén de relacións humanas, de valores, de formas de vida, de liderado, de goberno…

É o momento de facer un alto no camiño e aspirar a un proxecto dunha nova civilización sen discriminacións de ningún tipo, onde a paz, o respecto, a empatía e a xustiza sexan as formas habituais de coexistencia.

"A voz da filosofía regresou á rúa", como di o noso profesor de Filosofía Marcelino Agís, "nunca vin tantas persoas filosofar para comprender que está a pasar. A xente non deixa de facerse preguntas porque non ten respostas e, sen pretendelo, incorporáronse a este club de sempiternos preguntóns que conformaron a historia da filosofía".

Andrés Carmona, secretario da Sociedade da Filosofía de Castela-A Mancha, afirma que a COVID-19 ofrécenos unha oportunidade para repensar o modelo, xa que sería erróneo que, unha vez controlada a pandemia, "todo volvese ser coma antes". Por iso debemos repensar o modelo de mundo no que vivimos e no que queremos vivir a partir de agora, porque a COVID-19 nos mostrou que somos vulnerables e que os problemas son globais, que non saben de fronteiras, pero si de solidariedade cosmopolita.

O confinamento masivo é unha experiencia social con consecuencias filosóficas, psicolóxicas e económicas que nos está permitindo, ademais de forma empírica, coñecer o impacto que a acción humana ten sobre o medio.

Albert Camus escribiu: "vivir unha pandemia é como vivir no exilio, os amantes están lonxe os uns dos outros, os pais dos seus fillos, as familias dos seus mortos; tamén estamos lonxe da liberdade de movementos e doutros privilexios".

O estoico romano Séneca, cando foi exiliado polo emperador romano Claudio no ano 41 d. C., xunto con varios estoicos, escribiulle un consolatio á súa nai e compartiu reflexións con Musonio Rufo e Epícteto afirmando que as nosas ideas son unha forma de interpretar as nosas experiencias. Se a través da reflexión, da meditación e do razoamento podemos cambiar a forma na que percibimos as cousas, a forma na que experimentamos o mundo tamén cambiará.

Por iso, segundo os estoicos, esta situación debería servirnos para:

  • Mellorar a solidariedade, centrarnos no que poidamos cambiar
  • Asegurarnos do que realmente pasa, non xulgar segundo as nosas emocións e non sacar conclusións precipitadas
  • Abrir a mente sen esquecerse do pasado; as cousas poderían ser peor
  • Elixir un modelo; xente á que admiramos e que con vontade saíu adiante
  • Prepararse para o peor, esperar o mellor e esforzarse para conseguilo
  • Gozar do que aínda podemos controlar: amar, ler, estudar, escoitar música, rir, ter boas conversacións...

Unha crise, dicía Ortega, é un momento de desconcerto porque o home non sabe que facer nin que pensar, pero tamén é unha oportunidade para facernos máis fortes, para que a nosa estirpe teña unha segunda oportunidade sobre a Terra.

Última modificación: xoves, 19 novembro 2020