Día mundial da Poesía

Día Mundial da Poesía

O 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, percorremos simbolicamente o mundo para lembrar as poetas feministas da historia, que reivindicaron a igualdade desde a escrita e escribiron fronte ao silencio.

Elas aglutinan, identifican e expresan toda a rabia, enerxía e intención de ter un lugar importante na poesía e na vida. Unha clara reclamación de dereitos e liberdades condensada nun pronome, un eu feminino levado a todas nós en plural, e un verbo que alude a un nunca máis parar. Así, retomamos o verso feminista por excelencia da nosa poesía galega e reformulamos a Xohana Torres nun "nós tamén navegar!".

Así seguiremos remando, desde o día a día e tamén desde a poesía, coa palabra como escudo e ferramenta transformadora de unión e forza común, nunha loita grupal de xénero e de xeracións, para verbalizar o desexo de que nós tamén queremos, nós tamén podemos navegar.

A través do recitado poético en formato vídeo, este ano as redes sociais serán o mar polo que navegaremos ata vós, visibilizando o papel da poesía feminista na loita pola igualdade e coas palabras creadas e escollidas por catro das grandes referentes das nosas letras actuais, elas tamén activistas desde a palabra: María Xosé Queizán, Yolanda Castaño, Dores Tembrás e Chus Pato.

 
 

Última modificación: xoves, 18 marzo 2021