Día Mundial da Saúde

Día Mundial da Saúde

Hoxe festexamos o Día Mundial da Saúde co firme convencemento de que o sistema sanitario público é a peza central do noso estado de benestar.

É responsabilidade de toda a cidadanía contribuír ao seu bo funcionamento, polo que hoxe a mellor homenaxe que lle podemos brindar a todo o persoal que coida da nosa saúde é ficar na casa para protexernos e evitar a saturación dos dispositivos de atención e prevención.

Na actual situación de pandemia contar cun sistema sanitario público robusto é a mellor garantía de que o país lles proporcione unha correcta atención ás persoas enfermas, así como un repartimento equitativo de recursos entre toda a poboación.

É o momento de que traballemos todas e todos por un mesmo obxectivo, sen fisuras, e cando todo se normalice, desde a Deputación de Pontevedra seguiremos a loitar como fixemos sempre polo fortalecemento dos servizos públicos, por unha rede forte e ben dotada de centros de atención primaria, unha atención á dependencia xusta e ben dimensionada, a fin da precariedade nos contratos do persoal sanitario e un incremento de recursos nos hospitais.

Somos conscientes da excepcionalidade da situación que estamos a vivir. Aplaudímoslle todos os días ao persoal dos servizos esenciais. Pero hoxe, ao ser o Día Mundial da Saúde, os nosos azos serán dobres para honrar os milleiros de persoas que arriscan a súa saúde para coidar das nosas familias: persoal médico, de enfermería, administración, laboratorio, limpeza, seguridade, transporte de subministracións etc.

A todas e todos eles, o noso máis sincero recoñecemento polo seu compromiso e humanidade en tempos críticos.

Última modificación: martes, 07 abril 2020