A Deputación publica a convocatoria para optar ao posto de director/a do Museo de Pontevedra
Para optar ao cargo directivo, as persoas interesadas deberán ser funcionarias de carreira do grupo A1 e presentar un proxecto de dirección de ata 20 páxinas coas liñas de actuación a implantar no espazo museístico
23/09/2025
A Deputación publicou no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria para a provisión do posto de traballo de director/a do Museo de Pontevedra. Para optar ao cargo directivo, entre outras cuestións, as persoas interesadas deberán ser funcionarias de carreira do grupo A1 e presentar un proxecto de dirección de ata 20 páxinas coas liñas de actuación a implantar no espazo museístico. O período de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante quince días desde este mesmo martes.
A persoa seleccionada encargarase da dirección do Museo de Pontevedra baixo a dependencia da/o deputada/o provincial con competencias nesta materia, nestes momentos o vicepresidente Rafa Domínguez, e con suxeición aos procedementos marcados pola Corporación e a lexislación vixente. Ao detalle, dirixirá e dará conta aos órganos correspondentes, ordenará as salas do Museo e proporá exposicións e actividades, dirixirá a catalogación e conservación de fondos, informará da adquisición de bens e dereitos, formará plans, supervisará campañas de estudo, escavacións e restauracións de monumentos, informará as solicitudes para fotografar ou copiar obxectos ou retiralos temporalmente e, entre outras moitas, realizará o inventario de bens e dereitos.
A persoa será seleccionada por un órgano técnico de valoración integrado polo secretario da Deputación, o xefe de Servizo de Cultura e a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación. Na valoración, entre outras cuestións, teranse en conta os coñecementos académicos, a formación técnica especializada en museoloxía, a experiencia profesional en atención ao nivel de responsabilidade e a experiencia profesional en institucións culturais con heteroxeneidade de obras.