A Deputación ilumina o Pazo provincial de turquesa con motivo do Día Internacional da Dislexia

A institución súmase á iniciativa promovida por DISFAM e o Observatorio Internacional de Dislexia y Otras Dificultades Específicas de Aprendizaje (OIDEA), que se celebra o 8 de outubro

07/10/2025

A Deputación de Pontevedra tinguirá de turquesa o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste mércores 8 de outubro ata ás 7:30 horas da mañá do xoves 9 ao abeiro da conmemoración do Día Internacional da Dislexia. A institución provincial súmase así á iniciativa promovida por DISFAM e polo Observatorio Internacional de Dislexia y Otras Dificultades Específicas de Aprendizaje (OIDEA). 

O Pazo provincial súmase con este xesto aos concellos, parlamentos, asembleas nacionais, senados e outras institucións de todo o mundo, que iluminan os seus edificios como mostra de apoio á campaña internacional "Unidos pola Dislexia". O obxectivo principal da iniciativa é dar visibilidade a este colectivo nunha xornada baixo o lema "Temos dislexia e podemos brillar".

A dislexia afecta ao 10 % da poboación mundial. Ademais, en moitas ocasións este trastorno da aprendizaxe é detectado de forma tardía, xa que se trata dun trastorno totalmente invisible. Por estes motivos, a dislexia é considerada a causa da gran maioría dos fracasos e abandonos na etapa escolar.