A Deputación esgota os convites para asistir aos concertos de Carlos Núñez en Poio e Ponteareas no marco do ciclo Son Verán

Os convites cos que poder asistir de balde aos concertos, que terán lugar o venres 5 no Castro da Troña e o domingo 7 na Praza do Mosteiro de San Xoán de Poio, esgotáronse nun día

27/08/2025

A Deputación de Pontevedra esgotou nun só día todos os convites dispoñibles para poder asistir aos dous concertos de Carlos Núñez programados a próxima semana nos concellos de Poio e Ponteareas da man do programa Son Verán, un ciclo de 13 concertos en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia. As actuacións terán lugar o venres 5 ás 19:00 horas no Castro da Troña, en Ponteareas, e o domingo 7 ás 20:30 horas na Praza do Mosteiro de San Xoán de Poio.

Carlos Núñez ofrecerá o seu espectáculo "Lugares máxicos", unha xira que comezou fai oito anos para tocar no verán en localizacións fermosas de Galicia poñendo en valor o patrimonio musical, arquitectónico, gastronómico e natural da comunidade. Ademais, trátase dun modelo respectuoso coa natureza e co medio ambiente, xa que se aproveita a luz solar e as acústicas naturais dos lugares sen os excesos de produción habituais neste sector. De feito, Núñez foi nomeado Embaixador Europeo do Medio Ambiente, e coas súas actuacións en marcos naturais acadou que se identifique a marca cultural e patrimonial de Galicia coa súa música persoal, enraizada e pluricultural.

O cartel de artistas de Son Verán inclúe tamén a Emilio Rúa, Óscar Ibáñez, ÓperaConcert e o dúo composto por Teo Cardalda e María Monsonís, e os concertos chegarán proximamente aos concellos de Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.