Rafa Domínguez sinala o potencial de Pontevedra como capital cultural na inauguración do II Congreso Internacional de Creatividade da Universidade de Vigo

02/10/2025

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalou este xoves durante o acto de inauguración do II Congreso Internacional de Creatividade, impulsado polo Campus Crea (Vicerreitoría de Pontevedra) da Universidade de Vigo, o potencial de Pontevedra como "epicentro do fervedoiro cultural que estamos a vivir no conxunto de Galicia, pero moi especialmente nas Rías Baixas", cun "ecosistema" tanto formativo como profesional no que a Universidade se sitúa no centro. O vicepresidente sostivo que "Pontevedra ten moito que dicir no eido da creatividade", e sinalou experiencias como este congreso ou a Bienal de Arte que "acabamos de pechar con grande éxito e na que xa estamos a traballar para que a edición 33 do ano 2027 sexa maior e mellor, se é que é posible".

Rafa Domínguez lembrou que o Congreso é unha das actividades participadas pola Deputación no marco do convenio de colaboración para contribuír á especialización do Campus Crea, dotado este ano de 60.000 euros. "Temos unha relación moi estreita coa Universidade porque somos conscientes do seu rol primordial para a provincia, como garante dunha educación superior de excelencia e berce de carreiras profesionais e empregos de calidade", sinalou o vicepresidente. En canto ao congreso, Domínguez salientou que "as facultades de Pontevedra reunirán expertos en arte, deseño, comunicación e educación para conversar, debater, reflexionar e aprender arredor do ámbito creativo do ámbito universitario e profesional, con voces expertas e autorizadas para estabelecer sinerxías e avanzar de cara a consolidarnos como un destino cultural por excelencia".

Galerias de imagenes