Luis López anuncia o novo programa Erasmus+ 2025, dotado de 930.000 euros para que 84 alumnos de FP realicen prácticas en empresas e institucións europeas

A Deputación recibe unha axuda de 730.000 € do SEPIE para a nova edición deste programa de mobilidade europea que busca mellorar a formación da mocidade da provincia

29/08/2025

Xunta de Goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno do proxecto Erasmus+ 2025, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. Luis López sinalou que "nesta provincia temos un importante reto demográfico, polo que queremos que estas mobilidades sexan unha etapa nas súas vidas onde viaxen, se formen, aprendan e se desenvolvan no mundo, e que unha vez teñan aprendido poidan regresar á provincia para poñer á nosa disposición o seu talento e que o seu proxecto de vida estea aquí".

A Deputación de Pontevedra investirá neste proxecto un total de preto de 930.000 euros, dos que 728.000 euros proceden dunha axuda do SEPIE que se completan con 200.000 euros de fondos propios da Deputación. Grazas a estes recursos, 84 alumnos de FP van poder realizar as súas estadías no estranxeiro, dunha duración aproximada de seis meses, e outros 14 docentes e persoal de FP poderán realizar mobilidades de aprendizaxe por observación de arredor dunha semana. Poderán realizar as estadías en empresas e institucións de países como a Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, os Países Baixos, Polonia, Portugal ou Romanía, así como calquera outro que estea incluído no Erasmus+.

O programa Erasmus+ 2025 terá unha duración de 15 meses, que se poden estender ata un total de 24. Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 43 centros de ensino de 24 concellos da provincia, "catro máis que no consorcio do proxecto anterior", tal como lembrou Luis López. Estes centros poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro e, despois de que os centros fagan a selección dos alumnos, a Deputación de Pontevedra é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros. "Estamos a actuar para que a mocidade desta provincia se prepare para os retos do futuro", sinalou o presidente da Deputación.