A Deputación avanza no posicionamento internacional de Rías Baixas en Cannes e suma un novo galardón pola campaña Cando volves? en Tarragona

O presidente Luis López asistirá á Gala de entrega dos Cannes Corporate Media & Tv Awards, onde Cando volves? compite tras ser seleccionada entre 900 producións de 52 países

19/09/2025

Luis López

“Non paran de chegar boas novas para a nosa provincia, con novos recoñecementos á campaña Cando volves?, que nos están a permitir avanzar no posicionamento internacional, tan estratéxico para nós, de Rías Baixas”, asegurou o presidente da Deputación Luis López. Hoxe mesmo, a directora de Turismo, Romina Fernández, recolle un dos galardóns do Terres Travel Festival en Tortosa, Tarragona, e a finais de mes, será o presidente quen se desprace a Cannes onde Cando volves? compite tras ser seleccionada entre 900 producións de 52 países.

López estará en Cannes os días 24 e 25 de setembro onde terá a oportunidade de establecer unha rede de networking cos diferentes países de mundos seleccionados para optar aos Cannes Corporate Media & Tv Awards. De feito, tal e como remarcou o presidente, “temos previsto aproveitar a ocasión para asistir a xuntanzas nas que se analizarán as tendencias en canto a promoción e innovación turística, tendo en conta que en Cannes se darán cita os destinos máis punteiros do mundo”.

O galardón de Tortosa, a falta de coñecer se a Deputación alcanza un novo en Cannes, súmase ao ouro que acadou no Japan World´s Tourism Film Festival e ás pratas do International Tourism Film Festival Africa 2025 e do US International Awards.  “Esta provincia ten moito que dicir e o seu interior, cunha oferta tan ben recollida en Cando volves?, é unha xoia por descubrir que está espertando moitísimo interese alá onde chegamos coa campaña”, subliñou López.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.