Noticias

O Concello completa as obras de augas pluviais en Caritel, evitando as filtracións a tres vivendas

Nos dous anos que van de mandato realizáronse máis de 20 actuacións para solucionar problemas coas escorreduras por todo o municipio


26 maio 2017
Ponte Caldelas
augas pluviais en Caritel

As obras  de recollida de augas pluviais no centro da parroquia de Caritel remataron en días pasados. Os operarios municipais completaron diversas melloras que evitarán as filtracións a tres vivendas situadas en lugares en pendente, así como a entrada incontrolada das escorreduras en diversas fincas e propiedades.

Os traballos consistiron na instalación de varias tubaxes soterradas, con reposición de firme de formigón, colocación dunha grella transversal e varias laterais. Todo co obxectivo de que as augas de choiva non baixen descontroladamente. O alcalde, Andrés Díaz, supervisou os traballos e comprobou que se deu resposta axeitada ás peticións veciñais.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está a solucionar moitos problemas na recollida das augas pluviais que se ten atopado por todo o municipio. Nalgúns casos mesmo tivo que corrixir obras executadas anteriormente de xeito deficiente, por mor da instalación de tubaxes dunha sección insuficiente en puntos polos que baixan regatos con súbitas crecidas. A prioridade deuse a aqueles casos en que estas deficiencias causaban entrada de augas ou humidades nas vivendas.

Nos dos anos de mandato municipal fixéronse máis de 20 obras deste tipo. "Son moitas pequenas actuacións, moi espalladas nun municipio como o noso, onde hai 33 núcleos de poboación e no que, ata o de agora, non se tiña abordado correctamente este problema, polo que teremos que seguir solucionándoo progresivamente", explica o alcalde.

Por outra banda, o Concello prevé volver actuar en Caritel, unha vez adxudicado un importante paquete de obras municipais, que inclúe a mellora no deficiente acceso a unha vivenda na que reside unha persoa con problemas de saúde e pola que, a día de hoxe, non pode acceder un vehículo de emerxencias.