Noticias

O Concello restaura a fonte de Portela

Os operarios municipais limparon completamente a estrutura para desatascala e corrixir as filtracións


06 xuño 2017
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas

A fonte de Portela, na entrada de Ponte Caldelas pola avenida de Pontevedra, quedou restaurada despois de que os operarios municipais acometeran a súa limpeza, retiraran os obxectos que a atascaban e procederan a un encintado completo da contorna para  evitar as filtracións e perdas de auga.

Os resultados da actuación foron comprobados polo alcalde, Andrés Díaz, quen acompañado dun veciño da avenida de Pontevedra, observou a necesidade de realizar actuacións adicionais para evitar definitivamente as filtracións. A fonte quedou así, despois de varios anos en mal estado, perfectamente acondicionada.

O surtidor é moi utilizado polos veciños, pois trátase dun subministro adicional de auga co que contan nesta zona. Tamén é parada habitual para os ciclistas que transitan pola zona.

Trátase dunha estrutura de certa complexidade pois é a saída natural dunha mina de auga, pero tamén recolle as augas pluviais que baixan das fincas superiores, e mesmo, da beiravía da estrada autonómica. Por elo está dotada dun depósito de pedra, que foi necesario desmontar completamente, pois estaba atoado con restos vexetais e tamén con entullos.

A fonte conta cun aliviadoiro para drenar as augas pluviais deste singular depósito cara a unha canle que está conectada á rede de pluviais municipal. Dispón tamén dunha billa para a auga limpa, que tamén foi necesario reparar.

Todo elo quedou agora en perfecto estado de funcionamento grazas a unhas obras comprometidas polo Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) cos veciños desta zona.