O programa Inspira Steam pecha a súa sétima edición coa participación de 544 estudantes e 16 centros da provincia

A iniciativa liderada pola Deputación e a Universidade de Vigo para espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre rapazas xa chegou a 2.637 escolares desde a súa posta en marcha

03/10/2025

Luisa Sánchez no peche do programa Inspira Steam

O programa Inspira Steam, liderado pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, pechou a súa sétima edición coa participación de 16 centros educativos da provincia, 41 persoas mentoras e un total de 544 escolares de 6º de Primaria e 1º da ESO. Uns datos que melloran o balance do curso anterior e permiten que esta iniciativa, dirixida a fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre as rapazas, rexistre un novo récord.

Desde que se puxo en marcha, Inspira Steam chegou a 2.637 estudantes da provincia de Pontevedra, o cal afianza “a importancia deste programa que procura a presenza igualitaria das mulleres nos eidos científico e tecnolóxico”, en palabras da vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez.

Segundos o balance dado a coñecer este venres por ambas administracións nun acto conxunto coas persoas mentoras do proxecto, a “inmensa maioría” dos centros de ensinanza fan unha valoración positiva de Inspira Steam, aseguran que repetirían experiencia e ademais recomendan a iniciativa a outros colexios e institutos. Igualmente, revelan que o alumnado ve reforzadas as súas motivacións ao finalizar o curso.

“Nunca vivíramos nun mundo tan tecnolóxico como o actual. Unha realidade que podemos dicir hoxe e que poderemos repetir o próximo ano, porque isto non para. Xa non estamos na era da internet, dos móbiles ou das redes sociais. Estamos na era da intelixencia artificial e isto avanza a un ritmo de vertixe. Se a sociedade quere estar preparada, precisa do talento feminino”, indicou a representante provincial durante a presentación dos resultados da sétima edición e o lanzamento da oitava, que celebrará a súa primeira sesión formativa o 29 de outubro.

“Precisamente para mandar a mensaxe de que isto non se detén damos a coñecer os resultados da pasada edición e xa presentamos seguinte”, incidiu Luisa Sánchez. “Para seguir ofrecendo referentes e sementando esperanzas nas aulas. Porque sabemos que é aí, nese momento vital, cando se toman moitas das decisións que marcarán as traxectorias futuras”, engadiu.

A vicepresidenta recordou que, malia os avances que se van rexistrando, só o 25% do alumnado de enxeñería da Universidade de Vigo é feminino. En titulacións como informática, esa porcentaxe baixa ao 12%. “Non podemos perder tanto talento nun mundo que demanda e precisa cualificación tecnolóxica. E as mulleres tampouco poden quedar fóra dun sector que soe ofrecer emprego de calidade”, aseverou.

Luisa Sánchez garantiu a implicación da Deputación de Pontevedra en Inspira Steam porque “cada euro destinado a este proxecto é un investimento en igualdade, futuro e oportunidades reais para as nenas e mozas da nosa provincia”. Do mesmo xeito, gabou o labor de mentoras e mentores, que tamén contribúen a paliar a falla de referentes e a combater a invisibilidade das profesionais neste ámbito.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.