A Deputación abre o mércores a inscrición aos obradoiros infantís artísticos de Nadal do Museo de Pontevedra
Celebraranse os días 23, 26 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, dirixidos a nenas e nenos de 5 a 12 anos
07/12/2025
A Deputación de Pontevedra volve ofrecer este Nadal obradoiros artísticos infantís no Museo de Pontevedra para as mañás das semanas de festivos. Están dirixidos a nenas e nenos de 5 a 12 anos de idade, con 15 prazas en cada quenda. Serán catro obradoiros diferentes, de dúas horas cada un, nos que a rapazada se achegará de maneira lúdica e creativa á Pontevedra decimonónica, tomando como referencia a exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que se inaugurará no Museo o 19 de decembro.
A inscrición aos obradoiros abrirase o mércores 10 de decembro ás 10:00 h, a través dun formulario dispoñible no sitio web do Museo. Os obradoiros serán impartidos polo Comité Ilustrado, un colectivo formado por Míchel Casado e Sofía Venzel.
O primeiro dos obradoiros celebrarase o martes 23 de decembro, co título ‘Publicidade Improbable’. A partir de anuncios publicitarios do século XIX, as nenas e nenos participarán nun mundo de produtos imposibles, linguaxes infladas e creatividade sen freo. O venres 26 de decembro celebrarase o obradoiro ‘Pontevedra Remix’, que se centrarán na transformación da cidade, comparando fotos antigas coas actuais e creando colaxes híbridas entre ambas.
O obradoiro do martes 30 de decembro titúlase ‘Retratos Enredados’. Explorarase a identidade, a memoria visual e o humor a través da creación de personaxes híbridas que parten de figuras relevantes da Pontevedra do século XIX. Por último, o venres 2 de xaneiro, o grupo participante creará ‘O Xornal de Aninovo’, ilustrando o primeiro xornal do ano 2026 ao estilo dun periódico do século XIX, coas súas noticias, fotos e anuncios.
