Noticias

A terceira Xuntanza Folk Follas do Olivar convoca este sábado aos afeccionados á música popular

O certame inclúe tamén programación de lecer, con xogos tradicionais, actuacións e diferentes postos de comida


05 xuño 2017
Ponte Caldelas
Xuntanza Folk Follas do Olivar

A Carreira Ancha da parroquia de A Insua acolle este próximo sábado, día 10, a terceira edición da Xuntanza Folk Follas de Olivar, baixo o impulso da asociación cultural Nós tamén imos. Un certame que xa o ano pasado concitou a asistencia dun milleiro de persoas ao longo de todo o día.

O alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Lito Muíños, recibiron hoxe a Julio César Darriba e Emilio Baqueiro, directivos da asociación, cos que pecharon os detalles dunha xornada coa que o Concello colabora participando no acondicionamento do recinto, a achega que a asociación recibe a través do Plan Cultural, a instalación dun xerador de electricidade e a edición e impresión do cartaz.

Os promotores explicaron que a experiencia deste festival comezou cando decidiron transformar o antigo Serán nun festival folclórico. A primeira edición estivo chea de dificultades e, ademais, o tempo non acompañou, pero xa o ano pasado comezaron a recoller os froitos, pois asistiron case todos os veciños, ademais  de visitantes chegados de concellos próximos, e mesmo de puntos afastados de Galicia onde se celebran festivais irmáns.

O programa da Xuntanza Folk comeza ás 12 da mañá e continuará ata as 4 da madrugada aproximadamente. Actuarán os grupos Nós tamén imos, Calcetín Furado, Sobre Rodas (dúo de zanfoñas de O Viso), o pallaso Peter Punk (de Cangas), Trouleada, Os Xeitosos (de A Insua), Carapaus (de Santiago) e Ardentía (de Vigo). Os asistentes tamén poden repoñer forzas nos postos de polbo, churrasco, empanada, pementos de Padrón e tortillas.

O festival está así dirixido non só aos amantes da música tradicional galega, senón a todas as persoas que queiran pasar un rato agradable e de convivencia, gozar dunha comida ao aire libre e participar do bo ambiente que sempre se respira na Carreira Ancha.

O alcalde, Andrés Díaz, subliñou o orgullo que para o Goberno local, composto polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, supón a organización deste  tipo de actos, que xorden da inquedanza dos veciños. Ao mesmo tempo subliñou o pulo que a música tradicional galega  ten en Ponte Caldelas, terra de gaiteiros e pandereteiras. Unha forza que se expresa moi claramente con citas como esta Xuntanza Folclórica, ou os Seráns de Regodobargo e Chaín, que están  a experimentar un forte  crecemento.

Julio César e Emilio explicaron que é unha gran satisfacción poder sacar adiante un evento destas características, a medio camiño entre un certame musical e unha romaría popular. A principal dificultade, insistiron, é a económica, pois cómpre correr con moitos gastos. A aventura só é posible grazas aos patrocinadores e á colaboración da xente. Este ano contan con Supermercados Dia, Cybor Vídeo, Aluminios Rodríguez, Cervexaría Alameda, Asimec, a asociación de veciños de A Insua, o Concello de Ponte Caldelas e maila Deputación Provincial.