Noticias

O Concello de Ponte Caldelas, a Xunta e os praceiros locais súmanse á campaña "Quere o teu mercado"

A promoción desenvólvese ata finais deste mes e inclúe o reparto de agasallos entre os clientes, así como vales para a Festa da Troita


23 maio 2017
Ponte Caldelas
Quere o teu mercado

Mercar na Praza de Abastos de Ponte Caldelas ten premio durante este mes. O Concello, a Xunta e os praceiros colaboran na campaña "Quere o teu mercado", que forma parte do movemento internacional "Love your local market".

A Xunta achegou material promocional para engalanar o edificio, como bandeirolas e cartelería, así como mandilóns especiais para os praceiros. Aos clientes están reservados agasallos como globos ou bolsas da compra. O Concello de Ponte Caldelas decidiu reforzar a campaña co aliciente da entrega de vales para racións durante a Festa da Troita, que se celebra esta próxima fin de semana.

O alcalde, Andrés Díaz, compartiu tempo cos praceiros dos catro postos cos que conta o Mercado caldelán (un posto de peixe, dous de carne e outro de verduras e froitas) para presentar esta campaña, que axuda a sacar adiante un mes que non é especialmente forte en ventas.

Un total de 90 mercados galegos están a participar nesta iniciativa, que continuará ata o remate deste mes.

O Goberno local caldelán, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, considera importante o apoio ao comercio local e valora a calidade do servizo e a atención que se presta na Praza de Abastos, polo que non dubida en apoiar este tipo de campañas e en escoitar sempre as peticións e suxestións dos praceiros.