Noticias

O Concello evita o peche do Rexistro da Propiedade ofertando o seu traslado á antiga sede de Turismo

O Goberno local tripartito desafecta o inmoble, pechado dende hai anos, para realoxar un servizo importante para Ponte Caldelas


25 maio 2017
Ponte Caldelas
Apertura do rexistro da propiedade

O Rexistro da Propiedade continuará en Ponte Caldelas grazas a un acordo do Goberno local tripartito coa profesional responsable deste servizo. O acordo consiste na inminente sinatura dun contrato de aluguer, a prezo simbólico, no pequeno inmoble, sen uso dende hai varios anos, que albergou a oficina de Turismo.

O alcalde de  Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza coa rexistradora de Redondela, que xestiona o Rexistro de Ponte Caldelas, para estudar todas as fórmulas posibles para evitar o peche. Con esta medida, a rexistradora abarataría o custe do alugueiro e podería manter o servizo. Unha vez consolidada a oficina caldelán, a rexistradora garante tamén a continuidade laboral das tres traballadoras que atenden Ponte Caldelas por medio dunha rotación que as levaría tamén a colaborar coa oficina de Redondela.

O equipo de goberno, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, xa estudou xuridicamente a cuestión e hoxe mesmo levará a Pleno a desafectación do edificio, un trámite necesario porque segue inventariado como Matadoiro municipal, toda vez que o anterior Goberno municipal non regularizou a súa situación cando foi utilizado provisoriamente como sede turística.

O contrato de alugueiro estará condicionado á permanencia dun servizo que o Concello de Ponte Caldelas considera moi importante e ao que non está disposto a renunciar. O propio alcalde, Andrés Díaz, estivo no Parlamento galego hai algúns meses durante o debate dunha iniciativa para reclamara continuidade dos rexistros que a Xunta de Galicia pretende refundir, no marco da normativa estatal, alegando escasa carga de traballo.

O Goberno local de Ponte Caldelas subliña que, de non terse freado este peche, os veciños de Ponte Caldelas e de toda a bisbarra  terían que desprazarse a Redondela para efectuar todos os trámites relacionados coas súas propiedades inmobiliarias. Un agravio aínda máis palpable ao constatar que o de Ponte Caldelas era o único Rexistro que estaba previsto eliminar en toda a provincia, ao non chegar ao mínimo de 1.000 documentos anuais recollido na norma estatal.

Andrés Díaz está moi satisfeito da solución acadada, pois evítase a perda dun servizo e, ao tempo, dáselle uso a un inmoble que estaba pechado, a pesar da  súa magnífica situación. O alcalde recalcou que o Concello non podía quedar quieto diante dun recorte inxustificado, un máis dos que impulsa o Partido Popular, tanto no Goberno de España como na Xunta de Galicia. Engadiu que Ponte Caldelas foi, o ano pasado, un dos poucos municipios galegos que creceu en poboación, o que apunta a unha tendencia que pode levar, en pouco tempo, a superar o número de asuntos anuais que xustifica o mantemento do servizo.