Noticias

Ponte Caldelas deixa atrás un intenso mes de maio no que se consumiron 6.500 racións de troita

As degustacións nas parroquias da Festa da Troita duplicaron as previsións iniciais


29 maio 2017
Ponte Caldelas
Empanada de Troita

Coa Alameda aínda ocupada polos stands da Festa da Troita, o Goberno local de Ponte Caldelas fixo esta mañá a valoración dun certame que, nesta 51ª edición, superou todos os rexistros históricos, alcanzando un total de 6.500 racións de troita consumida ao longo do mes de maio.

O equipo de goberno tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está especialmente satisfeito do crecemento que experimentaron as degustacións previas polas parroquias, incluíndo paradas en 25 casas do pobo do municipio. Trátase do segundo ano en que se desenvolve esta  experiencia, destinada a facer partícipes a todos os veciños e veciñas dunha festa que moitos vían como allea e vencellada só ao centro urbano.

A previsión inicial era crecer dende as 1.000 racións consumidas nas parroquias no ano pasado ata as 1.500, pero o resultado final foi que se acadaron as 3.500, o que supón máis do triplo sobre as cifras do ano pasado. Un dato que non é sorprendente, pois a afluencia de público foi notoria, a pesar da forte "competencia" do fútbol ao longo de todo o mes, que deparou semifinais da Champions League, a semifinal do Celta na Liga Europa e mesmo a xornada final da Liga.

O alcalde, Andrés Díaz, amosouse abraiado pola resposta popular, pois en varias casas do pobo houbo tal cheo que foi necesario habilitar mesas no exterior. "Houbo lugares onde o ano pasado tiñamos 10 persoas e que este ano participaron con preto de 100 veciños; e tamén houbo lugares pequenos onde, simplemente, estaba todo o pobo".

Ademais, estas noites do "maio troiteiro" convertéronse nun evento de dinamización social de primeira magnitude, moi valorado polos veciños, que xa piden ao Concello novas iniciativas, pois hai xente maior que só se viu, ao longo do ano, coincidindo "coa troita". Resulta xa habitual que a veciñanza achegue postres e licor café. E tamén a animación musical a cargo do grupo tradicional Os Catro Ventos, sen esquecer aos Celtas de Taboadelo.

A traca final da Festa da Troita, coa fin de semana na Alameda, resultou tamén moi destacada. O público deu conta doutras 3.000 racións, o que supón, aproximadamente, a mesma cantidade que o ano pasado. Ademais, cómpre subliñar o éxito que tivo o agasallo de empanada de troita. Repartíronse gratuítamente 500 racións ás primeiras persoas  que adquiriron o tique de compra, ao prezo único de 3 euros. Introduciuse así unha nova elaboración, que completou ás tradicionais de troita fritida ou en escabeche. A empanada foi preparada polo alumnado dun curso de cociña organizado polo Concello.

"Tivo tanto éxito que mesmo houbo xente que só quería mercar a empanada e tivémoslle que explicar que era un agasallo ao adquirir unha ración tradicional", indica o alcalde. Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno local, agradeceu o esforzo destes cociñeiros noveis, porque o resultado final foi espectacular. Máis aínda tratándose dun prato coa dificultade engadida de ter que limpar e desespiñar peixe de pequeno tamaño.

O Goberno local estudará agora, cun ano por diante e valorando pros e contras, a posibilidade de introducir novos pratos na Festa da Troita, comezando pola empanada, ou manter o formato tradicional coas dúas preparacións habituais.

Por outra banda, a choiva que caeu entrada a tarde do domingo non impediu o éxito gastronómico, pois o stand de degustación pechou só media hora antes do previsto, cando xa case non quedaban existencias. En cambio, si que afectou ao festival folclórico que estaban a ofrecer  a banda de gaitas Os Coribantes e maila banda de música de Tenorio. Ía media hora de concerto, cando foi obrigada a suspensión.

A mañá permitiu, en cambio o desenvolvemento de todos os actos previstos, entre eles a entrega de premios do tradicional Concurso Internacional de Pesca, organizado pola sociedade Verdeseixo e a Federación Galega de Pesca co patrocinio municipal. O tenente de alcalde Enrique Vidal, foi o encargado de substituír ao alcalde (ausente pola coincidencia do Congreso provincial do seu partido político) no discurso de apertura. Neste ano asistiron como invitados os alcaldes de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e de Carballeda de Avia, Luis Milia.

O Goberno local de Ponte Caldelas acordou reiterar a felicitación expresa que todos os anos fai aos veciños que fan posible toda a loxística e cociñado durante todo o mes de maio. Un grupo de voluntarios que colabora desinteresadamente baixo a dirección de Enrique Lafuente, e que está formado por Sandra Gil, Manolo Touriño, Lino Mariño, José Antonio Rocha, Alex Rocha e Balbino Iglesias. Un grupo ao que se refiren xa como "o equipazo".

Fotos