A primeira quenda das subvencións Ágora 2022 permitirá redactar 24 proxectos de recuperación de espazo público en sete concellos da provincia

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que a Xunta de Goberno deste venres aprobará as primeiras axudas e deixará para máis adiante un segundo grupo

20/10/2022

A primeira quenda das ‘Subvencións Ágora 2022’ permitirá redactar 24 proxectos de recuperación de espazo público en sete concellos da provincia. Este venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará as primeiras axudas deste programa, que ascenden a un total de 305.000 euros e beneficiarán a O Rosal, Covelo, Tomiño, Tui, As Neves, O Grove e Ponteareas para deseñar peonalizacións, espazos urbanos de estancia, sendas peonís e ciclistas e outro tipo de actuación que mellorarán a calidade urbana de vilas e núcleos favorecendo a mobilidade a pé e en bicicleta.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a Deputación decidiu dividir a concesión dos fondos Ágora para permitir aos concellos máis áxiles contratar as actuacións propostas canto antes, sen ter que agardar a que a totalidade dos aspirantes subsanen as súas solicitudes. Así, quedarán para unha seguinte fase os proxectos doutros 21 concellos que deberán presentar ou corrixir a documentación entregada.

As subvencións Ágora estaban destinadas aos concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que podían recibir o 90% do custe de redacción dos proxectos presentados, ata un máximo de 50.000 € por concello. Na resolución que se aprobará este venres aprobaranse 49.989,73 euros para cinco proxectos do Concello do Rosal; 46.935 euros para catro proxectos en Covelo; 45.779,63 euros para cinco proxectos en Tomiño; 49.891,45 euros para cinco proxectos en Tui; 18.313,7 euros para dous proxectos en As Neves; 44.104,50 euros para dous proxectos en O Grove; e 50.000 euros para un só proxecto en Ponteareas.

As subvencións desta segunda convocatoria Ágora contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.

No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.

As Subvencións Ágora de 2022 veñen completar as axudas do pasado exercicio, que chegaron a 39 concellos da provincia. Segundo explica o deputado Benítez, 31 concellos solicitaran entón subvencións para redactar proxectos e oito para execución de obras.