A Deputación destina 200.000 euros, 30.000 máis que no 2025, a sete festivais audiovisuais da provincia englobados baixo a marca Rías Baixas Film Fest

Neste 2026 benefícianse o Festival de Cans, o Play-Doc, o FICBUEU, Novo Cinemas, o Curtas Festival do Imaxinario, o Galician Freaky Film Fest e, como novidade, a MAC Marín

22/05/2026

A Deputación destina 200.000 euros, 30.000 máis que no 2025, a sete festivais audiovisuais da provincia englobados baixo a marca Rías Baixas Film Fest

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de 200.000 euros, 30.000 euros máis que o pasado ano, para a celebración dos festivais audiovisuais na provincia que se engloban baixo a marca Rías Baixas Film Fest e que neste ano incorporan unha novidade: a Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín, chegando ata sete grandes citas. O presidente Luis López destacou que os sete “son festivais comprometidos co mellor cinema internacional e tamén co desenvolvemento do sector audiovisual galego”.

En concreto, o XXIII Festival de Cans recibe 38.000 euros o Play – Doc, o Festival Internacional de Cine e Documental de Tui, 37.000 euros; o Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), 35.000 euros; a 11ª Edición do festival de cinema de Pontevedra: Novos Cinemas, 31.000 €; o Curtas Festival do Imaxinario 2026, 26.000 euros, o 10º Galician Freaky Film Fest, 24.000 euros, e o MAC Marín 7.000 euros.

Para beneficiarse destas achegas os festivais debían cumprir unha serie de requisitos: desenvolverse no 2026 na provincia durante catro xornadas como mínimo, con catro edicións consecutivas ás súas costas, que proxecten un mínimo de 20 pezas, das que o 5 ou o 10 % sexan de títulos de produción cinematográfica ou dirección galegas, e que inclúan na súa programación actividades paralelas ou formativas e empreguen a lingua galega na súa comunicación.