#MEDIONATURAL

Especies vexetais

nos xardíns de Pontevedra

Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) conta cun viveiro cuxo obxectivo é propagar especies vexetais (ornamentais, forestais e froiteiras) para dispoñer das plantas que se utilizarán para os estudos dos ciclos fenolóxicos dos cultivos e dos ciclos biolóxicos dos patóxenos e das pragas. Este viveiro subminístralles aos diferentes departamentos da EFA os exemplares necesarios para executar os traballos recollidos en convenios e proxectos de investigación nos que é necesario dispoñer de plantas de diferentes especies e cultivares para realizar estudos de aclimatación e cultivo, de seguimento e control de patóxenos e pragas ou estudos de patoxenicidade.


Para conservar a diversidade vexetal da provincia neste viveiro tamén se propagan especies autóctonas e foráneas de distinta orixe e procedencia coa finalidade de manter unha colección.

Como resultado da propagación e do mantemento das plantas, necesarias para estudos e proxectos que se levan a cabo na EFA, prodúcese anualmente un excedente de exemplares que, para non seren destruídos, a Deputación de Pontevedra quere poñer á disposición dos concellos da provincia e, deste xeito, enriquecer o patrimonio vexetal cos consecuentes beneficios para a cidadanía e o medio. Ao ser plantas de orixe coñecida e identificadas, a súa dispoñibilidade nos concellos mellora e incrementa o valor didáctico dos xardíns e permite realizar actividades relacionadas co medio e coa natureza.

No momento actual, no que xa non se dubida da existencia dun cambio climático, adquire especial relevancia a protección do noso patrimonio vexetal, do que forman parte os espazos naturais, os xardíns, as áreas recreativas e as zonas verdes das vilas e aldeas, e mesmo as beirarrúas das propias cidades. Por tal motivo, a existencia e ampliación de zonas verdes é de grande importancia, xa que o seu mantemento e estado sanitario inflúen directamente na calidade do aire e, polo tanto, na saúde da cidadanía.

A Deputación de Pontevedra posúe unha das maiores coleccións públicas do xénero Camellia de Europa; moitos dos seus exemplares son cultivares antigos reproducidos na EFA a partir dos que crecen desde hai máis de 100 anos en pazos e xardíns emblemáticos e que constitúen un patrimonio vexetal propio que non se atopa en viveiros comerciais.

Por iso, a Deputación de Pontevedra, a través da EFA, considera oportuna a doazón de especies vexetais excedentes dos traballos de investigación que anualmente se realizan no centro, para a súa distribución e plantación en xardíns abertos ao público da provincia de Pontevedra. Deste xeito aumentarase e enriquecerase o patrimonio vexetal dos parques e xardíns e reforzaranse o carácter educativo e turístico dos espazos verdes existentes nos concellos da nosa provincia.

BUSCADOR

ÁRBORES E ARBUSTOS

Camelias


CULTIVARES