Mujeres en acción violencia zero 2017/2018

Novas relacionadas

O Goberno da Deputación de Pontevedra está a investir na provincia máis de 18 millóns de euros a través de proxectos europeos

Carlos López Font adiantou que a institución ten en marcha 15 novas candidaturas a fondos europeos para impulsar actuacións na provincia por valor de máis de 22,1 millóns de €


18 outubro 2018
Rueda de prensa de Carlos López Font

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, fixo hoxe balance dos proxectos que a Deputación de Pontevedra ten en marcha na actualidade con financiamento europeo e adiantou tamén os proxectos de futuro nos que o Goberno provincial traballa neste eido. Tal e como explicou o deputado, na actualidade  a institución está a liderar iniciativas por valor de máis de 18 millóns de euros centradas en proxectos que impulsan o emprendemento, o emprego, a competitividade, a I+D, as novas tecnoloxías, a sustentabilidade, o medio ambiente, a formación, a xestión dos recursos naturais e as sinerxias con Portugal para potenciar a Eurorrexión. En canto a plans de futuro, López Font adiantou que a Deputación ten en marcha 15 novas candidaturas para captar fondos europeos que impulsen actuacións na provincia, por valor de máis de 22,1 millóns de euros.

Font salientou que a chegada no novo Goberno á Deputación supuxo un cambio radical na xestión dos proxectos europeos, xa que o anterior goberno "fixo unha xestión nefasta, con moitas desfeitas que tivemos que amañar, con proxectos só para captar fondos, sen planificación, sen facer partícipes aos concellos nin á sociedade e sen ter en conta os retornos para a provincia". Fronte a este modelo de xestión, o deputado contrapuxo o bo facer da actual Deputación, "coa nosa aposta por gobernar con todas e todos e para todas e todos, con equidade, con máis dereitos, máis servizos e de forma máis aberta e transparente". Destacou que os proxectos europeos que se están a poñer en marcha "si teñen por obxectivo xerar retorno económico na provincia para convertela nunha provincia de vangarda e innovación, máis preparada para competir no mundo global e con maiores oportunidades".

Máis polo miúdo, López Font explicou que os proxectos europeos nos que se están investindo máis de 18 millóns de euros céntranse en dúas liñas de actuación. A primeira delas xira en torno a proxectos baseados na economía, a industria, o turismo e o medio ambiente, nos que se están investindo algo máis de 10 millóns de euros. Aquí insírense proxectos como ESTRAEE, Cooperación e Tecnoloxía para xestión de residuos de aparatos electrónicos e eléctricos, con 2,1 millóns de euros; e tamén proxectos como Depoverde, Protura ou Apicultura Sustentable, para promover o emprego no rural, o turismo sustentable e a apicultura sustentable, con algo máis de 340.000 euros.

Nesta liña de actuación, López Font tamén destacou o proxecto IN 4.0. de adaptación do modelo de industria 4.0 ao sector da construción naval, con 2,6 millóns de euros, unha iniciativa "que dá boa mostra da nosa posición pioneira a nivel non só europeo, senón que eu diría mundial, centrándonos precisamente na innovación no sector da industria naval".

Máis de 3 millóns de euros estanse investindo nas iniciativas Visit Río Minho e Smart Miño para preservación, conservación e valorización do Río Miño transfronteirizo e para promover unha estratexia conxunto de cooperación intelixente neste espazo. O deputado provincial puxo estes proxectos como exemplo do bo facer da Deputación sumando sinerxías con Portugal a nivel europeo, "porque sabemos que se traballamos da man, unidos, seremos máis fortes e conseguiremos que a nosa Eurorrexión se converta nun espazo de prosperidade". Tourist Inside Rías Baixas é o último proxecto europeo concedido e no que xa se traballa, con máis de 2 millóns de € , para converter á provincia de Pontevedra nun destino turístico máis intelixente.

Font debullou tamén os proxectos europeos que xiran en torno ao outro grande eixo de actuación con iniciativas para o impulso do emprego e da formación, que suman 8,1 millóns de € en total. Depoemprende está supondo un investimento de 1,6 millóns de € para o fomento do emprendemento na provincia, Practicum Depo achega 2,7 millóns de € para fomentar a mobilidade europea de estudantado e profesorado de FP e Depointegra Xoven mantén 2,5 millóns de €  para o impulso de itinerarios de formación para o certificado de profesionalidade.

O deputado lembrou tamén que no Coworking do Viveiro de Barro se están investindo 800.000 euros para implantar accións de formación e titorización de proxectos emprendedores, así como co proxecto Millenials, a través de 500.000 euros, para promover accións de formación e titorización de xente moza.

Proxectos europeos de futuro

López Font explicou que, ademais destes proxectos xa en marcha, a Deputación está traballando de cara ao futuro en novas iniciativas e neste ano presenta 15 novas candidaturas para impulsar actuacións na provincia de Pontevedra, por un valor de máis de 22,1 millóns de euros, centradas en seis eixos de actuación: igualdade, eficiencia enerxética, innovación, cultura e turismo, montes e cooperación transfronteiriza. No eido da igualdade, López Font lembrou que se trata da "bandeira principal deste Goberno dende o primeiro momento, e polo tanto, sempre vamos apostar por iniciativas que a fagan valer". Neste senso, explicou que a Deputación se presenta ao proxecto "Gegame: a videogame to use in schools to promote gender equality", cun orzamento de 300.000 euros para impulsar unha ferramenta educativa en formato videoxogo para promover a igualdade de xénero.

En canto á eficiencia enerxética, a institución provincial impulsa seis proxectos para darlle pulo á iluminación exterior sustentable nos concellos da provincia, por un valor de 3,5 millóns de euros, e outra iniciativa para substituír caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa tamén nos municipios, por un valor de medio millón de euros.

Outra das apostas da Deputación, tal e como expuxo Font, é a innovación "e queremos axudar ás nosas empresas a ser máis competitivas, por iso presentamos o proxecto Sudconnectier, estratexia para a mellora e optimización de procesos na cadea de subministros da industria aeronáutica e espacial", cun investimento de 1,3 millóns de euros. No eido de cultura e turismo, o Goberno provincial traballa, da man tamén con Portugal, no proxecto Literatur, con 1,3 millóns de euros,  para a valorización turística do patrimonio literario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; e na iniciativa "Caminos", que ten por obxectivo promovoer os camiños xacobeos do oeste peninsular, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.

O proxecto "GNP Resilente", con 1,1 millóns de euros, supón unha nova aposta do Goberno provincial polos montes da provincia, buscando analizar a resilencia forestal, a capacidade dos montes para retornar a condicións previas a situacións coma os incendios. A última gran liña de traballo en marcha para captar novos fondos europeos segue sendo, tal e como sinalou o deputado provincial ,a cooperación transfronteiriza entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal. Para iso están en marcha tres proxectos: "Seniors Friendly e Visit Minho Plus para crear unha rede de cidades e municipios transfronteirizos amigas e amigos das persoas maiores, ambos cun orzamento de 5,5 millóns de euros e "Red Lab Minho" para promover unha rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Miño, cun investimento de máis de 400.000 euros.