Mulleres en acción Violencia Zero

Novas relacionadas

A campaña da Deputación de loita contra os plásticos chega á cidade de Pontevedra

O stand de "Experiencias Sostibles" estivo na praza de España onde esgotou todos os materiais respectuosos co medio ambiente


22 agosto 2019
Experiencias SOStibles

A cidade de Pontevedra acolleu hoxe unha nova parada da campaña medioambiental "Experiencias Sostibles", que a Deputación de Pontevedra está a promover este ano por vilas, festas, festivais musicais e praias para concienciar sobre a contaminación polo uso dos plásticos e as consecuencias tanto no medio ambiente como na saúde. Os deputados Carlos Font e Laura Iglesias,  xunto ao tenente de alcalde pontevedrés, Agustín Fernández, e as concelleiras Gloria Blanco e Paloma Castro, foron os encargados de presentar unha campaña que está a ter unha gran acollida en todos os puntos da provincia que xa visitou. No stand "Experiencias Sostibles", situado durante todo o día na praza de España, ademais  de achegar información relevante, repartíronse dípticos informativos, adhesivos, bolsas de tea, vasos, imáns para a neveira, ecocabichas e outros produtos da campaña.

Carlos Font puxo como exemplo desta iniciativa a prol do medio ambiente o reparto de 50.000 vasos compostables, elaborados con fécula de millo e pataca, nos distintos puntos polos que foi pasando a carpa de "Experiencias Sostibles". Trátase dun vaso que, a pesar do seu aspecto convencional é completamente biodegradable e que, por tanto, non é necesario depositar no colector amarelo. Na súa intervención destacou que a Deputación está en liña coa Axenda 2030 da ONU, na que se aprobaron os Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (ODS), entre os que figura a Acción polo Clima. Lembrou ademais que a presidenta provincial, Carmela Silva, fixou como liñas transversais prioritarias para este mandato a Igualdade e a Transición Ecolóxica.

"Nunha provincia como Pontevedra, con tantos quilómetros de costa e tanta economía dependente do mar, avanzar na sustentabilidade e loitar contra a ameaza dos plásticos é unha obriga para toda a sociedade, é unha batalla que temos que dar toda e todos". Neste marco lembrou tamén a Directiva europea que prohibe a produción de produtos plásticos dun só uso a partir do ano 2021. Subliñou o deputado que a cada minuto que pasa véndense no mundo un millón de botellas; cada ano utilízanse 5 billóns de bolsas de plástico e que 8 millóns de toneladas deste material vértense ao medio mariño. "De seguir así, no ano 2050 haberá máis plástico no mar que peixes", recalcou. Carlos Font rematou avogando pola necesidade dun "cambio radical de hábitos", un cambio que pasa por pequenos xestos diarios como que todas e todos empreguemos bolsas reutilizables ao facer a compra, renunciemos aos plásticos dun só uso, deixemos  de mercar alimentos incorrectamente envasados, reduzamos a roupa con teas sintéticas e apostemos pola cultura das 3R (Reduce, Recicla, Reutiliza).

A campaña "Experiencias Sostibles" supón a continuación da iniciativa "Somos historias, somos sostibles", desenvolvida pola Deputación o ano pasado. Daquela repartíronse ecocabichas, fabricadas con cartón ecolóxico e reciclable, e conseguiuse chegar a un público obxectivo de 25.000 persoas.