Emprego

Formación para o emprego

A formación profesional en España está integrada por dous subsistemas:

  • Subsistema de formación profesional inicial ou regrada, que depende do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e das comunidades autónomas e comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe os ensinos propios da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais conforme á Lei orgánica 5/2002, de 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.
  • Subsistema de formación profesional para o emprego, vinculado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social e ás comunidades autónomas, que ten a misión de formar e capacitar as persoas para o traballo e actualizar as súas competencias e coñecementos ao longo da súa vida profesional. Encádrase en todo o correspondente ás accións de inserción e reinserción laboral, así como na formación continua das e dos traballadores. Actualmente, o marco normativo é a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Se desexas completar a túa formación, reciclarte ou actualizarte, é importante que busques ben a formación máis acaída para ti, atendendo aos perfís de tendencia das ofertas de emprego, e que coñezas ao detalle todos os criterios que che axudarán a escoller os cursos, a modalidade de formación e o tipo de centro de formación para mellorar a túa empregabilidade e alcanzar o teu obxectivo de inserción.

O SEPE publica anualmente perfís profesionais a consultar, cun potente motor de busca por ocupación onde se desenvolven os distintos aspectos que conforman os postos de traballo ofertados: as condicións laborais propostas por parte do empregador ou empregadora, a localización xeográfica, a información acerca do posto ofertado, a formación, a experiencia, así como as competencias e habilidades da candidata ou candidato.

Así mesmo, na sección de Formación e Cualificacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria podes consultar todo o relativo aos tipos de ofertas de formación, competencias clave, certificados de profesionalidade ou especialidades, e no portal de emprego do SPEG, en Oferta Formativa, están dispoñibles os cursos para persoas desempregadas, que poderás solicitar despois de rexistrarte como demandante de emprego. Tamén nas oficinas de emprego se poden solicitar os programas mixtos de formación e emprego: obradoiros, programas integrados de emprego, programas experimentais ou outros, segundo as necesidades e adecuación ao mercado laboral.

Quizais che interese saber tamén que a formación profesional dual no sistema de formación para o emprego materialízase a través do Contrato para a Formación e a Aprendizaxe. A formación profesional dual é o conxunto de accións e iniciativas formativas mixtas de emprego e formación, que teñen por obxecto a cualificación profesional das e dos traballadores nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo.