A Deputación conmemora o Día Europeo da Arte Rupestre cunha conferencia no Museo de Pontevedra sobre o Colectivo A Rula e obradoiros escolares

A conferencia a cargo de Luis Lecrere Rodríguez terá lugar o xoves 9 de outubro ás 19:00 h no Edificio Castelao

05/10/2025

Luisa Sánchez asiste á recepción ao PAOK

O Museo de Pontevedra celebra este xoves 9 de outubro o Día Europeo da Arte Rupestre con dúas actividades: unha conferencia aberta ao público e obradoiros concertados con centros escolares. A conferencia será ás 19.00 h no Edificio Castelao, co título “O Colectivo A Rula, un vínculo social coa arte rupestre”, a cargo do presidente desta entidade, Luis Lecrere Rodríguez.

O Colectivo a Rula é unha asociación que traballa para a concienciación e valorización social do patrimonio cultural galego, e en especial da arte rupestre. A asociación realiza un amplo abano de traballos principalmente en tres áreas: inventario de novos xacementos, divulgación da arte rupestre (exposicións, charlas, visitas guiadas, difusión en redes) e investigación mediante o estudo, baleirado e dixitalización de diversas fontes e publicacións históricas.

A súa principal área de estudo é a comarca de Compostela, aínda que os seus membros tamén realizaron colaboracións e descubertas importantes noutras comarcas, como Deza, Sar, Tabeirós-Terra de Montes ou a Costa da Morte. O Colectivo A Rula colabora con institucións públicas (Plan Compostela Rupestre) e outras entidades sociais (Rede do Patrimonio Cultural) para achegar propostas e iniciativas que garantan a protección e melloren a xestión dos gravados rupestres.

Luis Leclere Rodríguez é membro fundador e presidente do colectivo desde a súa constitución no ano 2013. Participa desde entón en tódalas actividades da asociación, con especial inclinación polo traballo de campo e o estudo e divulgación dos petróglifos.

Obradoiro

Por outra parte, o mesmo día a Deputación organiza no Museo un obradoiro no que van participar arredor de 50 nenos e nenas de 1º e 2ª de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos. No taller poderán coñecer que pigmentos utilizaban os humanos na prehistoria para realizar pinturas rupestres: como os conseguían, como os mesturaban e como os aplicaban para conseguir diferentes cores.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase cada 9 de outubro desde o ano 2019, proclamado polo Consello de Europa e a Comisión Europea en homenaxe ao aniversario do recoñecemento pola comunidade científica internacional de autenticidade de arte das Covas de Altamira (Cantabria).

Galerias de imagenes