A Deputación activa a nova liña de axudas dotada de 200.000 € para que as agrupacións musicais adquiran e reparen instrumentos e vestiario propio
As agrupacións teñen un mes a partir do mércores, trala publicación este martes das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, para solicitar os recursos
10/09/2025
A Deputación de Pontevedra activa a súa nova liña de axudas destinada ás agrupacións e grupos musicais sen fins de lucro da provincia que se dedican a promover, difundir e practicar música. Dotada de 200.000 euros, estes colectivos poderán utilizar os recursos para adquirir e reparar os seus instrumentos e vestiario propio. Trala publicación este martes no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (pódense consultar as bases nesta ligazón), os grupos e agrupacións teñen un prazo dun mes a partir deste mércores 11 de setembro para solicitar as axudas provinciais.
A convocatoria está dividida en dúas liñas, unha primeira centrada na adquisición de instrumentos e vestiario cun crédito de 170.000 euros, e unha segunda con destino á reparación destes mesmos bens, cun crédito total de 30.000 euros. En ambos os dous casos, as axudas concedidas non poderán superar o 75% do orzamento da actuación e os colectivos poderán percibir ata un máximo de 3.000 euros.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta nova iniciativa, que tal como sinalou o presidente Luis López nace para atender unha petición expresa do sector, co fin de apoiar unhas entidades que coa súa acción contribúen á preservación do patrimonio inmaterial e á transmisión das tradicións galegas. Deste xeito, permítese reforzar o tecido asociativo cultural da provincia de Pontevedra así como se contribúe á conservación e difusión do patrimonio inmaterial de Galicia, tendo en conta o papel que xogan formacións como as bandas de música, masas corais ou agrupacións folclóricas neste aspecto.
O apoio da Deputación aos grupos e agrupacións musicais garante a continuidade das manifestacións culturais de Galicia á vez que dinamiza a actividade cultural na provincia, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social, co que tamén se reafirma o compromiso institucional coa identidade e a diversidade cultural galegas.