A Deputación aproba un convenio coa Universidade de Vigo por valor de 100.000 euros para fomentar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo
Trátanse de 100 bolsas por importe de 1.000 euros cada unha delas que servirán “para completar as axudas de mobilidade que reciben as alumnas e alumnos dos campus da provincia da Universidade de Vigo para formarse no estranxeiro”
24/07/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o convenio coa Universidade de Vigo por valor de 100.000 euros para fomentar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo participantes no programa Erasmus + ou beneficiarios doutras bolsas de intercambio.
O presidente da Deputación, Luis López, explico que a través do convenio de colaboración entre o organismo provincial e a Universidade de Vigo que acaba de ser aprobado, impulsaranse ata 100 bolsas por importe de 1.000 euros cada unha delas. “Uns recursos que servirán para completar as axudas de mobilidade que reciben as alumnas e alumnos dos campus da provincia da Universidade de Vigo para completar a súa formación no estranxeiro”, asegurou.
Tamén manifestou o presidente provincial que é vontade do goberno da Deputación de Pontevedra impulsar iniciativas como esta, “para que a nosa mocidade, o piar desta provincia, sexa a mellor preparada da historia e a que teña o maior coñecemento para facer fronte aos retos do futuro”.
