A Deputación esgota en menos dunha hora todas as prazas para participar nas rutas de setembro de +Bosques

Os dezaseis percorridos terán lugar os sábados e domingos do mes, desde o domingo 6 de setembro na Illa de Tambo ata o domingo 28 no Carreirón

25/08/2025

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dunha hora todas as 240 prazas dispoñibles para participar nas actividades de setembro do programa +Bosques, trala apertura do prazo este luns ás 9:00 horas da mañá. Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes (15 por quenda) gozar das vantaxes dos "baños de bosques" nun total de 16 percorridos que no mes de setembro terán lugar en cinco dos sete espazos naturais que forman parte da rede de +Bosques. As persoas interesadas en participar terán unha última oportunidade nas quendas de outubro, para as que abrirá o prazo o próximo 22 de setembro ás 9:00 horas.

Deste xeito, os percorridos de setembro comezarán o sábado 6 na Illa de Tambo (Poio), unha actividade que se repetirá tamén o sábado 20. O domingo 7 de setembro chegarán á Ruta do río Xabriña (Covelo), o sábado 13 e domingo 28 de setembro ao Carreirón (A Illa de Arousa), o domingo 14 e sábado 27 de setembro ao Pazo de Lourizán (Pontevedra) e por último o domingo 21 de setembro á Ruta da Pedra e da Auga (Meis). As actividades de +Bosques esténdense ata finais do mes de outubro con novas quendas na Illa de Tambo, no Carreirón, na Ruta da Pedra e da Auga e no Pazo de Lourizán, así como en Cabo Udra (Bueu) e no Río Eifonso (Vigo).

+Bosques duplicou este ano a oferta de percorridos en sete espazos da costa e o interior da provincia onde poder coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promóvese a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.