Jornada nueva Ley de contratos

Novas relacionadas

Incrementar a autoestima lingüística entre a mocidade, obxectivo da IV Xornada de Normalización da Deputación

A deputación destina 300.000 euros a axudas para que os concellos da provincia implementen servizos de normalización e programas de dinamización da lingua


21 xaneiro 2019
Xornada lingua e mocidade

"Con estas xornadas, que levamos realizando desde o inicio deste mandato , conseguimos traer a lingua á primeira liña e xerar un debate que sexa o alicerce sobre o que crear sinerxias cos concellos e desenvolver políticas en materia lingüística" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a súa presentación. Explicou ademais que "nesta ocasión quixemos poñer o punto de partida na mocidade, tras constatar que o número de falantes e a percepción da lingua galega está a sufrir un retroceso entre os mozos e as mozas actuais". Neste sentido, Leal asegurou que "ao noso entender existe un importante número de actividades e iniciativas enfocadas á infancia mais ao chegar á mocidade vemos que hai unha eiva, e o que queremos é amosar diversas accións e proxectos que se poden levar a cabo para incrementar a autoestima en materia de lingua nese segmento de idade". Na xornada tamén se deu conta das bases das axudas para normalización e dinamización da lingua galega para os concellos, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 8 de febreiro, e que contan cun orzamento de 300.000 euros, dos cales se destinan 150.000 para servizos de normalización e 150.000 para programas de dinamización.

O panel de intervencións da sesión foi deseñado para dar cabida a visións moi diversas, co obxectivo de afrontar esta temática do xeito máis transversal posible, contando coa participación do coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, para falar do estudo sobre a percepción do idioma galego entre a denominada Xeración Z; da presidenta da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño, quen se centrou e dous proxectos desenvolvidos a través de equipos de normalización, YouTubeir@s e o Club do Debate; do presidente da Asociación ORAL de Galiza, Carlos Alonso, que avanzou un proxecto provincial de recuperación da regueifa en centros escolares; e da representante musical e membro do grupo A banda da Loba, Xiana Lastra, quen explicou a aposta da súa formación musical por difundir letras de autoras galegas e acceder ao público mozo a través dunha música que denominou "universal".

O galego na xeración Z

Segundo as primeiras conclusións do estudo que está realizando RAG sobre a percepción do idioma galego entre a denominada Xeración Z –persoas nacidas a partires de 1990-, as valoracións persoais dependen da variable ‘acento', xa que o acento galego é valorado negativamente, tanto en idioma galego como en castelán, mentres que a lingua galega comeza a ser mellor valorada na dimensión status-competencia. Este estudo que comezou a realizarse no ano 2017, e que conta con financiamento da Deputación, recolle información entre mozas e mozos nun segmento de idade entre os 14 e os 18 anos. Entre a información recollida en dito estudo, Monteagudo destacou cuestións como a ‘erosión da transmisión familiar' na lingua galega entre xeracións, e afirmou que "cando falla a transmisión dunha lingua, esta deixa de falarse entre as persoas máis novas". O estudo pon de manifesto que a lingua inicial galego mantense como habitual nas vilas e no rural, pero non no urbano; que a escola e o instituto inflúen nas prácticas lingüísticas; que a entrada no mundo laboral modifica tamén as prácticas lingüísticas, no sentido da bilingualización ou da castelanización; e por último que o binomio galego normativo / galego de sempre, da aldea, aparece continuamente. O secretario da RAG tamén mencionou as zonas da provincia de Pontevedra máis extremas en canto a permanencia e ausencia da lingua galega. Así, como unha das comarcas nas que máis se mantén tanto o uso da lingua como a transmisión xeracional mencionou a comarca de Deza-Tabeirós, e como lugar con menos uso e transmisión citou Vigo. No caso de Vigo aclarou que "a desgaleguización xa era anterior ao estudo, polo que os rapaces e rapazas xa non teñen referentes familiares en canto a uso do galego, e as súas referencias van proceder maioritariamente do ámbito educativo".

O papel dos SNL

Contar con Servizos de Normalización Lingüística nos concellos de maneira estable permite implementar iniciativas que conecten coa mocidade e motiven os mozos e as mozas para desenvolver competencias en galego. Así o explicou Anxos Sobriño a través das iniciativas Youtubeir@s e o Club do Debate. A presidenta da CTNL explicou que ambas iniciativas naceron da man de SNL, xa que foron os e as técnicos as que detectaron a necesidade de poñer en marcha estes proxectos, de planificalos e deseñalos, de establecer as redes de colaboración precisas e coordinalos, e de avalialos para melloralos tras cada edición. Sobriño lembrou que o Club do Debate xa leva 10 edicións e que Youtubeir@s está a piques de iniciar a terceira, e ambas iniciativas están encamiñadas a promover as competencias lingüísticas e comunicativas da mocidade, cada unha delas nun contexto moi específico. Por último, tamén incidiu na importancia de dotar ás Administracións locais de SNL para coordinar traballos cos centros educativos de cada concello, así como en sectores clave da sociedade como son o comercio local ou o asociacionismo.

Regueifa e música

Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galiza, avanzou durante a súa intervención que, en colaboración coa Deputación, a partires do mes que vén botará a andar un certame escolar de regueifa a nivel provincial. Alonso explicou que "a regueifa, que é un combate en verso, ten moito que ver con iniciativas como o Club do Debate, porque tamén promove o desenvolvemento da competencia lingüística". Desde a súa experiencia en iniciativas de recuperación da regueifa entre escolares de Vigo, explicou que "é asombroso ver como rapaces e rapazas de colexios vigueses, que non usan o galego para nada no seu día a día, se suben a un escenario e son capaces de facer un combate en verso na nosa lingua". Para o certame provincial de regueifa, que se presentará publicamente nas vindeiras semanas, ofreceranse obradoiros en cada centro educativo e realizarase unha gran xornada final cara finais de marzo.

Mentres, Xiana Lastra, coñecida por ser unha das integrantes da exitosa formación musical A banda da Loba, foi a encargada de expoñer unha concepción da música que ela definiu como "un discurso comprometido coa lingua galega, coa diversidade, coa Memoria e coa igualdade de xénero". Explicou que as cinco compoñentes do grupo, con idades comprendidas entre os 15 e os 35 anos, se propuxeron o "complicado obxectivo de chegar a ese público que ten entre 15 e 20 anos, e que é o público que menos música en galego consume". Para acadalo recorreron a unha variedade de estilos que, partindo das referencias tradicionais galegas, incorpora todo tipo de estilos musicais virando cara ao pop ou o rock. "No noso próximo traballo tamén incluiremos un tema de reggaeton, pero ben feito e cunhas letras axeitadas" anunciou. A banda da Loba pon enriba dos escenarios letras de poetas clásicas, como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, letras de poetas contemporáneas, como Celia Parra ou Rosalía Rial, e letras propias, non en van dúas das integrantes, as estradenses Marcela e Andrea Porto, son poetas e contan con varios recoñecementos. Por último, Xiana Lastra tamén quixo chamar a atención sobre a dificultade para ser contratadas por festivais galegos –que soen programar música en español e en inglés-, o que contrasta coa boa acollida de público que teñen cando saen fóra de Galiza.