Tempadas de Igualdade

Tempadas de Igualdade. Grupo Galicia. CyM

Desde 2015 a asociación Clásicas y Modernas, para a igualdade de xénero na cultura, está a desenvolver en España o proxecto "Tempadas de igualdade nas artes escénicas".

Este proxecto leva xa varios anos desenvolvéndose en Francia e actualmente está a expandirse de forma progresiva a outros países europeos coma Bélxica, Suecia, Reino Unido e España.

Foi en 2003 cando os ministerios franceses de cultura e igualdade encargaron a elaboración do informe "O acceso legal de homes e mulleres aos postos de responsabilidade, a lugares de decisión e á dirección de escena no sector das artes escénicas", que se publicou en 2006 e propiciou unha primeira toma de conciencia da importancia da desigualdade atopada. Ademais do goberno, as actrices e actores da sociedade civil, á vista das cifras, decidiron actuar.

Así foi como naceu o movemento HF (homme/femme) en Francia, que na actualidade está presente en case todos os departamentos franceses e cuxa federación interrexional agrupa 14 colectivos rexionais e conta cunhas 1.000 adhesións.

Os seus obxectivos son reclamar a igualdade real entre mulleres e homes nos postos de responsabilidade, na distribución de subvencións e nos lugares de decisión. Acordouse a misión de axudar a reparar as desigualdades en todas as súas vertentes artísticas, administrativas e técnicas, e espertar as conciencias das e dos profesionais, das persoas con responsabilidade institucional e das administracións públicas.

Con esta finalidade organizáronse as "Tempadas de igualdade", baseadas na sinatura de acordos con teatros, salas, institucións ou organismos, co compromiso de lograr progresivamente un maior equilibrio na presenza de mulleres e homes, tanto nas programacións coma nas contratacións de persoal, principalmente na autoría e dirección de obras; na organización de debates e xuntanzas, públicos e profesionais, no marco de acontecementos culturais; na participación en tribunas e coloquios; no establecemento de núcleos de recursos; na organización de grupos de traballo; e na creación de instrumentos de comunicación.

A asociación Clásicas y Modernas, constituída por profesionais da arte e da cultura, convoca para este proxecto profesionais das artes escénicas e forma conxuntamente grupos promotores para conseguir adhesións de centros e institucións públicas e privadas.

Insta as estruturas de produción, difusión e os axentes culturais a poñer en práctica os principios de igualdade de xénero; propón unha folla de ruta e ofrece colaboración experta; ademais, impulsa a "Axenda europea para a igualdade na cultura".

CyM constitúe grupos promotores, que presentan o proxecto "Tempadas" en administracións públicas e direccións de centros, teatros, festivais, auditorios, óperas e outros espazos, xunto coa Carta Igualdade MH.

O Grupo Promotor Galicia Tempadas de Igualdade está composto por mulleres recoñecidas polo seu traballo no eido da cultura, que ata este momento conseguiron a sinatura da Carta de Tempadas do FITO (Festival Internacional de Teatro de Ourense); da MIT de Ribadavia; do Concello da Coruña, con todos os espazos xestionados por el; da Sala Ingrávida do Porriño; e da Deputación de Pontevedra. Proximamente asinarán o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

Estas sinaturas son o resultado dun intenso ano de traballo por parte do Grupo Galicia CyM e da vontade das institucións asinantes na loita pola igualdade.

O proxecto contempla unha ferramenta útil de traballo que facilite o compromiso dos teatros, institucións etc. que asinan esta Carta. Esta ferramenta parte dunha análise da situación de igualdade nas institucións asinantes para poder traballar na súa consecución. Cada asinante asúmea durante o seu período no cargo, nun ciclo de tres anos, dentro das características da súa programación.

Se non se acada a paridade, entre o 40 % e o 60 % de cada sexo, os grupos promotores solicitarán a renovación do compromiso para o segundo ciclo.

Cada ano deste ciclo realizarase unha avaliación para comprobar o progreso e atopar estratexias que o posibiliten.

Estúdase a situación de cada institución comprometida e búscanse as vías de traballo máis adecuadas á súa realidade.

Así o grupo promotor:

  • Propón obradoiros de formación en igualdade de xénero na cultura
  • Facilita metodoloxías de análise
  • Promove a publicación, pola Fundación SGAE, do folleto de divulgación estatística Onde están as mulleres?, que mide a participación das mulleres e homes nas carteleiras da tempada anterior para difundila na seguinte
  • Colabora na recollida de datos, nas avaliacións e na coordinación da reunión da Plataforma MH de xeito rotatorio para axilizar os intercambios de experiencias e as fórmulas de cooperación e comunicación

"Tempadas" é unha chamada activa para lograr unha arte escénica de miradas múltiples, acorde coa realidade complexa e diversa do noso tempo, que facilite o cumprimento das nosas leis e da Carta Europea para a Igualdade de Trato e Acceso de 2009.

Neste momento estamos agardando a sinatura de institucións, concellos e teatros que se comprometeron a facelo en setembro, no inicio da nova tempada.

O Grupo Promotor Galicia traballa con entusiasmo e agarda acadar moitas Cartas de Igualdade MH para conseguir que se promova de forma efectiva a igualdade MH, situar as mulleres creadoras no lugar que lles corresponde e buscar estratexias renovadoras da acción teatral en materia de formación.

Descargas