Escola de Letras

Unha Escola de Letras para sacar á luz a historia que todas e todos levamos dentro

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia queren fomentar o talento na provincia de Pontevedra. Por iso, poñen á disposición das escritoras e escritores galegos un espazo propio no que impartirán, a partir de xuño, obradoiros de novela, relato ou poesía para todas as idades.

O proxecto, bautizado como Escola de Letras e que é o primeiro deste tipo en Galicia e un dos poucos do conxunto do Estado, abrirá as súas portas no mes de xuño nas sedes da institución provincial en Vigo e Pontevedra.

O seu obxectivo é converterse nun punto de encontro de autoras e autores consagrados e persoas anónimas que gozan escribindo e ás que se pretende axudar a crecer na súa paixón.

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia traballaron durante máis dun ano para sacar adiante esta iniciativa que pretende converter a provincia de Pontevedra nun referente das políticas culturais.

"Este lanzamento é un soño cumprido que volve converter esta provincia nunha referencia. Fronte ao ruído que non achega nada, unha escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital", resumiu a presidenta provincial, Carmela Silva, o día do lanzamento da Escola de Letras.

Pola súa banda, o escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, agradeceu o compromiso da Deputación con proxectos que axudan "a transformar a realidade" e destacou que este espazo nace co obxectivo de ofrecerlles ás persoas a posibilidade de contar "as súas historias" e de "converter en literatura as súas vidas". "Será un lugar para soñar a través da palabra", concluíu.

"Todxs temos unha historia que contar" é o lema co que se pon en marcha a Escola de Letras, que contará cunha oferta formativa moderna e moi completa que combinará literatura e pracer. A idea central é permitirlles ás e aos asistentes gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada.

A participación estará aberta a calquera persoa interesada a partir dos 16 anos, xa que non é preciso que o alumnado teña coñecementos previos e recibirá todo o material na propia Escola. 

A súa posta en funcionamento tivo que reformularse pola crise sanitaria da COVID-19. O primeiro obradoiro, que terá lugar na sede de Vigo durante a segunda quincena de xuño, esgotou as prazas dispoñibles nunhas horas. Logo do parón estival, a Escola continuará coa súa actividade lectiva en setembro, con ata nove obradoiros máis repartidos entre as sedes de Vigo e Pontevedra.

O enderezo para formular dúbidas e inscribirse é escoladeletras@editorialgalaxia.gal

A actividade formativa desenvolverase a través de obradoiros con 15 prazas cada un e estarán dirixidos sempre por autoras e autores de ampla traxectoria.

En Vigo están programados por agora os seguintes obradoiros:

  • Obradoiro de Escrita Creativa  (con Franciso Castro): 15 e 22 de xuño (prazas esgotadas)
  • Obradoiro de Escrita Creativa (con Diego Giráldez): 8 de setembro ata o 26 de outubro (plazas agotadas)
  • Obradoiro Literario (con Inma López Silva): 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro e 9, 14 e 21 de decembro (prazas esgotadas)
  • Obradoiro de Poesía (con Antonio García Teijeiro): 16 e 17 de setembro (prazas esgotadas)
  • Obradoiro Literario para Maiores  (con Franciso Castro): 7 de setembro, 5 e 20 de outubro, 17 de novembro e 1, 15 e 16 de decembro (aprazado, ata que mellore a situación)

En Pontevedra realizaranse os seguintes obradoiros:

  • Escrita Creativa (con Franciso Castro): 21 e 22 de setembro (prazas esgotadas)
  • Obradoiro Literario  (con Inma López Silva): 3 de novembro ata o 22 de decembro (prazas esgotadas)

A acción da Escola de Letras incluirá encontros con profesionais do mundo do librorecitais con público nos que as escritoras e escritores poden dar a coñecer o froito do seu traballo.

Dentro do catálogo da Editorial Galaxia publicarase un libro que recollerá, polo menos, un traballo de cada participante. 

As dúas entidades promotoras, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, traballarán para estar presentes nas redes sociais co fin de crear unha comunidade arredor do proxecto que sirva como ferramenta de comunicación continua entre as persoas participantes e co conxunto da cidadanía antes, durante e despois da actividade.