Escola Infantil Chupetes

A Escola Infantil de 0 a 3 anos da Deputación de Pontevedra constitúe un servizo público educativo para a primeira infancia; cumpre unha función social e educativa, proporcionándolles ós seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo ou condición social, a través dun programa global que garanta o pleno desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos.

Pretende cooperar cos pais e representantes legais co fin de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e conseguir unha mellor integración entre o centro e as familias.

Relación coas familias

O papel dos pais no desenvolvemento de aprendizaxes temperás é primordial nun ambiente familiar rico en estímulos educativos e tamén a mellor base para unha educación de calidade.

A influencia da vida familiar afecta enormemente ó desenvolvemento do menor. Os nenos que teñen fortes apoios familiares presentan unha mellor capacidade de adaptación, de solución de problemas, de aprendizaxe, unha mellor e máis alta calidade de xogo e unha mellor competencia social nas relacións entre iguais. Esta influencia esixe por parte dos pais non só atoparse fisicamente presentes senón establecer un intercambio educativo. Neste contexto o xogo compartido resulta fundamental porque lles ofrece ós pais e ós fillos unha forma de estar xuntos gratificante e educativa.

Unha das características actuais da vida familiar é a gran cantidade de ocupacións e preocupacións que fan difícil gozar da convivencia na casa. Por esta razón a relación entre os profesores e os pais ten que ser frecuente, de forma que se lles poida prestar un asesoramento educativo de calidade.