Luisa Sánchez eloxia o “exemplo” das nais de Érguete por “abrir camiño” na sociedade e loitar para que “ninguén quede atrás”
A vicepresidenta provincial agradeceu o labor das mulleres da asociación durante o faladoiro celebrado na sede da Deputación en Vigo dentro do ciclo ‘Aquí faltan páxinas’
24/11/2025
A presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Luisa Sánchez, eloxiou este luns o “exemplo” das nais de Érguete por “abrir camiño” na sociedade da provincia e ser quen de loitar para que “ninguén quede atrás”.
Durante o faladoiro celebrado dentro do ciclo ‘Aquí faltan páxinas’ na sede que a institución provincial ten no casco vello de Vigo, Luisa Sánchez agradeceu o labor das mulleres que conforman a asociación por “mellorar vidas a través da colaboración e o apoio mutuo”. Do mesmo xeito, gabou a súa capacidade para “transformar a súa dor en acción” e conseguir que “quen cae poida volver erguerse”.
A presidenta en funcións definiu ás nais de Érguete como “mulleres valentes, organizadas, comprometidas e incansables”, que merecen un recoñecemento por “poñer ás persoas no centro” e remarcar o “valor insubstituíble das familias e das entidades sociais”.
Luisa Sánchez salientou que o ciclo ‘Aquí faltan páxinas’ lembra que toda sociedade “ten capítulos que aínda non foron escritos ou que foron deixados á marxe”. Así, o acto organizado este luns pola Deputación provincial serviu para “completar esas páxinas pendentes, reparar silencios e poñer voz e rostro a aquelas historias que, durante demasiado tempo, non atoparon o lugar que merecen”. “Por iso encontros como este son imprescindibles: permítennos aprender, corrixir, mellorar e avanzar xuntas”, finalizou.
