A sede da Deputación en Vigo acolle a presentación da Copa de España de Kayak de Mar, que trae ás augas da ría esta fin de semana a máis de 400 palistas

“É moi importante pola altísima participación e por nivel. Animamos ás galegas e galegos a desfrutar deste auténtico espectáculo”, destaca o deputado Gorka Gómez

27/06/2022

Kayak

As augas da Ría de Vigo serán escenario dun gran acontecemento deportivo esta fin de semana coa celebración da III Copa de España de Kayak de Mar, na que participarán máis de 400 palistas nas distintas categorías en liza. O deputado de Deportes, Gorka Gómez, destacou esta mañá na presentación da competición, celebrada na sede da Deputación en Vigo, que “é un evento moi importante pola altísima participación e por nivel”, e animou “a todas as galegas e galegos a vir e desfrutar deste auténtico espectáculo”. O deputado lembrou que a provincia de Pontevedra “é un referente no piragüismo a nivel internacional” e celebrou a cooperación entre administracións para acoller o acontecemento, que se desenvolverá entre Vigo e Baiona.

Gorka Gómez agradeceu o seu traballo ao Clube Kayak Vigo, promotor deste acontecemento, así como á Federación Galega de Piragüismo e ás empresas colaboradoras. O deputado destacou tamén os beneficios que a Copa de España reportará ao turismo. “Somos un referente a nivel turístico e estes eventos sempre representan unha boa nova”, explicou, nun acto no que estivo tamén presente a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias; o presidente do Kayak Vigo, Emilio López; a vicepresidenta da Federación Galega de Piragüismo, Araceli Menduíña, e o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

A Copa de España é, ademais, clasificatoria para o campionato europeo que se celebra en Italia en setembro. O presidente do Kayak Vigo sinalou que a organización prevé superar os 400 palistas, “entre eles as figuras máis representativas deste deporte”. As probas desenvólvense o sábado día 2 e o domingo 3, sendo a proba estrela a regata “downwind”, un percorrido 17 kilómetros entre Vigo e Baiona ou viceversa (en función da dirección do vento). “É moitísima á xente que se desprazará a Vigo para esta Copa. Esperamos que saia todo ben e repetir nos próximos anos”, apuntou Emilio López, quen lembrou que é a primeira vez en máis dunha década que as augas do norte da península acollen esta competición. As probas desenvolverase nas categorías infantil, cadete, xuvenil, sub-23, veteranos e sénior.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.