A Deputación organiza unha ampla programación de outono no Museo de Pontevedra, co encontro de ICOM-España e as exposicións sobre José Ruibal e Leopoldo Varela

O programa para os próximos tres meses inclúe tamén obradoiros de cerámica, un curso de historia da moda, concertos, actividades familiares, conferencias e unha nova edición do Encontro de Conservación e Restauración

25/09/2025

Outono no Museo

A Deputación organiza unha ampla programación de outono no Museo de Pontevedra que toma o relevo dun verán marcado pola 32ª Bienal de Arte de Pontevedra. Ata o 21 de decembro desenvolverase unha ampla variedade de iniciativas que inclúe catro exposicións, obradoiros, cursos, concertos, seminarios, conferencias e a celebración do IV Encontro de Museoloxía ICOM-España, unha das citas máis importantes para os profesionais dos museos que por primeira vez se celebra en Galicia.

Este encontro ten como tema "Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social" e celebrarase do 16 ao 18 de outubro. Xa se coñece o programa completo, no que intervirán representantes do Museo do Louvre, o Museo Nacional de Escultura, as Coleccións Reais, o Museo Nacional Suízo, o Museo de Historia Natural de Berlín, o centro guipuzcoano de almacenamento de coleccions Gordailua e o Museo Arqueolóxico de Sevilla, así como a vicepresidenta de ICOM Europa e directores e directoras dalgúns dos principais centros museísticos de Galicia. As inscricións están abertas ata o 10 de outubro.

O encontro de ICOM-España é o elemento central dun amplo programa de seminarios, xornadas e conferencias no que tamén destaca a celebración da 14ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, que os días 20 e 21 de novembro tratará desde múltiples perspectivas o uso do cal no patrimonio cultural e técnicas e estratexias para o seu mantemento.

O seminario máis inmediato é o que se celebrará deste este xoves ao sábado 27 de setembro na sede da UNED en Pontevedra como broche desta edición da Bienal, con "Volver a ser humanos" como tema e unha nómina de poñentes que inclúe figuras relevantes do pensamento, a arte e a crítica a nivel internacional. Tamén hai que salientar a conferencia do colectivo A Rula polo Día Europeo da Arte Rupestre, o 9 de outubro, e as charlas sobre a colección do Museo que ofrecerá en decembro o grupo de investigación Iacobus en decembro.

Ruibal e Varela nas exposicións

O 24 outubro o Museo abrirá unha exposición sobre o dramaturgo pontevedrés José Ruibal para conmemorar o centenario do seu nacemento. Con Xosé Enrique Acuña como comisario, a mostra afonda na vida e na obra de quen foi  un dos máis sinalados representantes do teatro de vangarda en España no último terzo do século XX, cunha traxectoria que gozou de especial recoñecemento nos Estados Unidos. Completarase cun seminario sobre a súa figura, con conferencias o 11 de novembro e un espectáculo poético e teatral o día 13 do mesmo mes.

A seguinte mostra en abrir as súas portas será a dedicada a Leopoldo Varela (O Porriño, 1927-Vigo, 2007), un pintor que emprendeu a súa propia viaxe cara á forza da cor sen preocuparlle perder o vínculo coa realidade. A súa comisaria será Beatriz de San Ildefonso.

Xa moi cerca do nadal abrirá as portas a mostra "Debuxar coa luz", un percorrido pola fotografía en Pontevedra no século XIX, da que son responsables Cristina Echave e Reis Camiña. Ata o 30 de novembro seguirá accesible a intervención de Marta Pazos "Dalia", que forma parte do ciclo expositivo Infiltracións, comisariado por Iñaki Martínez Antelo.

Para todos os públicos

A programación do Museo de Pontevedra complétase coas actividades de acción cultural dirixidas a todos os públicos. Ao público adulto diríxense os obradoiros de cerámica que se porán en marcha o mes próximo, inspirados no centenario de Cerámica Celta, proxecto nacido en Pontecesures en 1925. Tamén se dirixe a persoas adultas o curso de historia, arte e moda que impartirá entre outubro e decembro Carolina Munáiz, centrado na moda decimonónica.

A centros escolares destínanse os obradoiros polo Día Europeo da Arte Rupestre, os concertos do cuarteto de frautas travesas DeBiselas e os achegamentos a Castelao a través do teatro e a música da man de Migallas Teatro. A programación inclúe outras dúas citas musicais abertas ao público: un concerto para recuperar as composicións para piano do compositor galego Xoán Montes o 15 de novembro, e o concerto do conxunto de música contemporánea Lucus Ensemble o 22 do mesmo mes.

En novembro celebra o Museo cada ano a Semana Lorquiana, organizada por Polo Correo do Vento. O pasamento repentino de Carlos Taboada, un dos dous integrantes deste proxecto, fará que a deste ano sexa unha edición especial, na que ademais de lembrar o paso Federico García Lorca por Pontevedra, servirá para homenaxear ao debuxante, escritor e activista cultural pontevedrés.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.